Máis de 3.000 mozos e mozas participan do programa ‘O galego, a miña lingua propia’

A iniciativa da Deputación da Coruña desenvólvese en máis de 35 concellos.

 

galego lingua propia

O programa "O galego, a miña lingua propia" da Deputación da Coruña rematará a fin deste mes de novembro despois de ter visitado 43 concellos con máis de noventa actividades. Polo de agora, máis de 3.000 rapazas e rapaces participaron xa nesta iniciativa promovida pola área de Lingua que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei. Carballo, Cambre, Oleiros, Ponteceso, Teo, Sada, Ordes e Santiago son os concellos que este mes de novembro visitará o programa que ten como obxectivo animar ao uso do galego entre a poboación nova, en especial, o alumnado do ensino secundario.

"A experiencia está a ser moi positiva porque o programa elaborouse coa vontade de conectar coa xente máis nova e estase conseguindo. Tanto as persoas que participan, todas con moitas cualidades de comunicación co público novo, como as propias actividades están a ser de interese de mozas e mozos e están a contaxiar o interese e a vontade de usar a nosa lingua en todos os ámbitos", explica Goretti Sanmartín Rei.

A campaña "O galego: a miña lingua" conta con referentes do mundo da literatura, como Antía Otero, Rosalía Fernández Rial, Paula Carballeira ou Aldaolado; do ámbito musical como Xurxo Souto, MJ Pérez, García MC, Davide Salvado, Monoulious Dop ou Laura Romero; das artes plásticas como Leandro Lamas; do grafite como Sokram e Mou –Mutante Creativo-; ou do sector do audiovisual como Lois Blanco, Gaita Films e Jaione Camborda.

Así mesmo, xornalistas como María Yáñez, Fran Cañotas, Irene Lourido, persoeiros do mundo da ilustración e a moda como Cestola na Cachola, ou do ámbito sanitario como Iria Veiga, son protagonistas dos 20 obradoiros inseridos nos diferentes ámbitos en que son especialistas estas persoas co ánimo de persuadir e reafirmar o uso da lingua galega entre o estudantado.

Comentarios