MOBILIZACIÓN MULTITUDINARIA

Máis de 20.000 persoas defenden en Compostela na voz de Manuel María "un idioma que é a vida"

Ateigaron a capital do país na manifestación convocada por 'Queremos Galego' para demandar as modificacións precisas para poder vivir en normalidade na nosa lingua. E non faltaron, claro, nin as Irmandades da Fala nin Manuel María. VÍDEO NO INTERIOR. 

Queremos Galego_interior
photo_camera Queremos Galego_interior

“Estou aquí porque quero que algún día haxa motivos para deixar de ter que estar aquí”. Loli, de Pontevedra, é unha das máis de 20.000 persoas (segundo cálculos da organización) que este 17 de maio ateigaron Compostela na defensa do galego. Como Loli, Xoán, da Mariña, que aponta ao xornalista: “Anota aí, é triste que aquí non esteamos os máis de dous millóns de galegos”. Para no medio da frase, reflexiona e retifica: “Bon, ben mirado, somos moitísima xente nesta manifestación. Non hai moitas causas que sumen tantas persoas”. E marcha coa bandeira galegoa ao ombro e os colantes de 'Queremos galego'.

Foi, máis unha vez, unha mobilización multitudinaria o 17 de maio, unha marcha que, cando a cabeceira entraba na zona vella compostelá, a cola estaba aínda a saír da Alameda, o ponto de partida. Milleiros e milleiros de persoas unidas polo verso de Manuel María 'O idioma é a vida', que presidiu a mobilización nunha faixa levada, entre outros, por Marcos Maceira, Xurxo Souto, Mercedes Peón, Cesáreo Sánchez ou Marta Dacosta, entre outros.

“A lingua é necesaria para existirmos como pobo”

Antes de saír a mobilización Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, lembraba que existen máis de 400 normas que amparan e protexen o castelán por apenas 6 que o fan co galego “ e que non se cumpren”. Maceira emprazaba a un cambio na política lingüística (“estes anos de goberno Feijóo caracterízanse por atacar o galego”), poñendo como base para iso as 6 medidas “urxentes” que no seu momento propuxo A Mesa: da derrogación do decreto de 'plurilingüismo' até o uso con normalidade do galego nas administracións.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que era un día “para celebrar que temos unha lingua propia, que nos fai estar no mundo”, ao tempo que quixo “denunciar a política de escracho ao galego de Feijóo, uns anos de desafiuzamento da nosa lingua do ensino, dos medios de comunicación...”.

“Hai que estender a reivindicación deste día aos 365 días do ano”, pediu Martiño Noriega, alcalde de Compostela e dirixente de Anova, lembrando Manuel María e “o seu compromiso con esta lingua e con este país”, e situando o galego como “unha ferramenta útil e que nos dá razón de ser no mundo”.

Multitudinaria

A manifestación partiu da Alameda entre os berros de “Na Galiza, en galego” e “Sempre en Galiza, sempre en galego”. Milleiros de persoas a percorrer as rúas da capital na defensa do idioma, faixas de organizacións políticas, sindicais, colectivos veciñais, ANPAs, asociacións culturais... Todo nun ambiente de festa e reivindicación. Soaban as pandeiretas mentres se cantaba espontaneamente 'O Carro', as gaitas enfilaban xotas e muiñeiras entre berros de 'Galiza ceibe, poder popular' ou a batucada facía bailar os cadrís de manifestantes ao tempo que se reivindicaba que Manuel María “gostaba que se empregase a grafía do português”. Moitas crianzas, tamén, nesta marcha, garantindo o futuro do idioma.

“Aquí estamos”

A manifestación entrou na Praza da Quintana, onde Xurxo Souto exerceu de mestre de cerimonias. O sol mallaba na pétrea ágora compostelán, mais non foi quen de desanimar a xente, que seguía e exixir para o galego un trato xusto. Lembrábao Carlos Callón, escritor e ex-presidente da Mesa: “O outro día no xulgado, por pedir que un procedemento se fixese en galego, dixéronme que ía ter que agardar máis que se fose en castelán”. Un exemplo de que en galego vivir con normalidade non é doado, sinalou, lembrando que hai centos de exemplos nese sentido.

“A pesar de todo, aquí estamos”, dixo Xurxo Souto perante os milleiros que ateigaban a Quintana. Pediu, fronte ao minuto de silencio tan institucional, “un minuto de boureo polo galego”. Meu dito, meu feito: milleiros de gorxas uníronse para bourear a prol do idioma nun berro que acabou en aplausos.

A compañeira de Manuel María, Saleta Goi, mandou unha mensaxe aos asistentes, que foi lida polo propio Souto: “O espírito de Manuel María está presente nesta manifestación”. Aplausos a rachar, maré de emoción. E chegou a quenda da música: Mini e Mero, Fran Amil e A Tribo Incomprensíbel. Solfexo e baile e alegría para un idioma milenario. Antes, crianzas lendo o poema 'A Fala', do autor de Outeiro de Rei.

“Na causa do galego só sobran os que queren dividir”

Tomou a palabra Marcos Maceira, que lembrou que hai cen anos naceron as Irmandades da Fala na Coruña para reclamar o mesmo que este 17M demandaban milleiros de persoas en Compostela: “plena presenza e dereito de uso para a nosa lingua, con todas as obrigas necesarias para garantilo”.

“Na causa do galego só sobran os queren dividir, sementando prexuízos seculares contra Galiza e o seu idioma, con decretazos e sentenzas de odio”, dixo, demandando que “cómpren agora mudanzas lexislativas que impidan que gobernos como o actual decreten a desaparición do galego da educación infantil, onde nin materiais didácticos hai, ou o tope do 33%, ou a prohibición para as materias da área científico-técnica. Fíxose contra a opinión maioritaria da sociedade e da comunidade educativa expresada nos sindicatos, ANPAs, organizacións estudantís, movementos de renovación pedagóxica e organismos consultivos".  

A voz de Manuel María lendo un dos seus poemas e o Himno Galego puxeron o ramo a unha mobilización polo galego que sumou e multiplicou na defensa do idioma. "O idioma é a vida", escribiu Manuel María. Máis de 20.000 persoas vivírono este 17M con el. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios