Maceira xa preside a Mesa “porque non hai desenvolvemento social sen defender a lingua propia”

A asociación en defensa do galego celebrou a súa asemblea na Coruña, un acto marcado pola renovación na Permanente e o adeus de Carlos Callón após doce anos como máximo responsábel. Tanto el como Iria Taibo recibiron unha homenaxe en forma de agasallos e a proxección dun vídeo de recordo, no que foi o momento máis emotivo da xornada.

mesa-crop
photo_camera Asemblea da Mesa na Coruña.

O centro Ágora da Coruña acolleu este sábado a asemblea da Mesa pola Normalización Lingüística, nunha cita que resultou histórica para a asociación en defensa da lingua ao supoñer o relevo de Carlos Callón logo de doce anos como presidente. O seu posto ocúpao agora Marcos Maceira, que recibiu o apoio unánime das arredor de 150 persoas que acudiron á cita. Dese xeito se aprobaron tamén o informe de xestión e o económico.

 

Durante a asemblea, tanto Carlos Callón como Marcos Maceira convidaron ás persoas presentes e a tod@s @s galegos a participar nas oito mobilizacións convocadas pola plataforma Queremos Galego para o Día das Letras do próximo 17 de maio. Xa como presidente, Maceira pronunciou un discurso no que asegurou que “non hai desenvolvemento social, económico ou humano se non se defenden as linguas propias”. Así mesmo, chamou a “xuntar enerxías” con este obxectivo e criticou ao titular da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo: “Un presidente que non apoia o galego non apoia ao seu pobo”.

 

A nova dirección da Mesa está encabezada por Marcos Maceira, licenciado en Historia e xestor cultural, con Mónica Pazos e Carlos Outeiro como vicepresidentes, Susana Méndez como secretaria xeral e Paulo Filgueiras, Elsa Quintas e Manuel Rei como vogais.

 

O momento máis emotivo da asemblea tivo lugar cando se lles entregaron uns agasallos tanto a Carlos Callón como a Iria Taibo, que tamén deixa a Permanente, así como durante a proxección dun vídeo que recordou o seu traballo na Mesa.

Comentarios