Un colexio de Cerceda inicia a súa propia loita pola oficialidade do galego no Parlamento Europeo

O alumnado de 4º de ESO do CPI O Cruce de Cerceda lanza unha campaña a través da plataforma Change.org para acadar o seu obxectivo. Este xurdiu porque este ano son escola "embaixadora" da institución europea.

Unha mesa informativa instalada no colexio. (Foto: Change.org)
photo_camera Unha mesa informativa instalada no colexio. (Foto: Change.org)

Estudantes de 4º de ESO do CPI O Cruce de Cerceda traballan para lograr que o galego pase a ser un idioma de uso oficial no Parlamento Europeo. Con este obxectivo teñen activa unha petición na plataforma Change.org que, ao feche desta edición, xa levaba máis de 3.000 sinaturas de apoio.

As e os estudantes idearon esta proposta de integración lingüística porque o centro é “embaixador” da administración europea este ano. A acción case coincide no tempo co Día da Lingua Materna.

No escrito colgado na páxina web engaden que queren que todas as “linguas cooficiais estean representadas” na Unión Europea.

Así aluden ao galego pero tamén ao catalán e ao éuscaro.

“Todos os galegos debemos defender a nosa lingua porque é parte da nosa identidade. Como Castelao deixou dito: “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma””, defenden as e os promotores da iniciativa.

Ademais, destacan que hai un problema co idioma pois, tal e como recolle o último informe do Consello de Europa -que pediu un cambio e maior protección ás Administracións públicas-, “está en proceso de substitución”.

“A UE xa lexislou sobre o tema, mediante a Carta europea para as linguas rexionais e minoritarias do 1992 (ratificada no 2001), pero agora debe dar un paso máis na protección destas linguas e recoñecelas como oficiais dentro dos seus propios organismos: é dicir, debe dar exemplo”, din pedindo o apoio da poboación e clamando “por un futuro para o galego”.

Comentarios