Un local criticado por ter a súa carta en galego, premiado cun 'Solete' Repsol

O Pepiño de Allariz, distinguido con esta cualificación pola prestixiosa guía de restauración.

o pepiño allariz-min

Seguramente foi un mal trago o que viviron os responsábeis e habituais de ‘O Pepiño’ de Allariz cando, neste pasado verán, viron como a través das redes sociais e recomendacións había queixas de visitantes por teren a súa carta en galego.

"A comida estaba boa, pero non pedimos máis cousas porque nos negamos a que estando en España necesitemos tradutor. Sentímonos estranxeiros dentro do noso propio país. Haberá que lembrar que, segundo a Constitución Española, Galiza é comunidade bilingüe: español-galego. Non pensamos volver".

Este ataque ao local de Allariz fíxose viral como tamén se fixeron as mostras de apoio e solidariedade, que foron numerosas, tamén a través das redes sociais.

Agora, a Guía Repsol vén de recoñecer a calidade e maxia de ‘O Pepiño’ e faino concedéndolle un ‘Solete’, unha distinción coa que se premia e recoñece non só unha carta mais tamén un ambiente.

“Cantas veces fuches a un lugar e pensaches «verdade que este sitio ten un ‘non sei que?». Pois iso é un  Solete. Locais nos que nada máis entrar pensas ‘habería que darlle un premio’”, define a propia Guía o que é un ‘Solete’.

Unha nova cualificación que pon o foco sobre todos eses locais que recomendarías a un amigo ou a un coñecido de paso pola túa cidade porque sabes que son un acerto seguro, resumen desde Guía Repsol.

Na Galiza hai case 150 locais que teñen este recoñecemento. 

Comentarios