DEBATE NO PARLAMENTO

Lobeira acusa a Xunta de afogar “por ideoloxía” os medios en galego

O PP confirma no Parlamento que seguirá sen conceder axudas á prensa escrita na norma reintegracionista.

Bieito Lobeira, deputado do BNG
photo_camera Bieito Lobeira, deputado do BNG

A complicada situación que atravesan os medios escritos integramente en galego foi obxecto de debate no Pleno do Parlamento galego, onde Bieito Lobeira, deputado do BNG, acusou ao goberno de Núñez Feijóo de aplicar “un veto ideolóxico” coas axudas públicas coa intención de “afogar” a prensa en idioma propio.

“Estamos perante un esperpento que non pode ocultar a estratexia calculada do PP, que outorga importantes sumas de diñeiro aos medios afíns, incluso permitindo que vulneren as cláusulas de concesión da axuda por utilización do galego mentres que a prensa que só usa o noso idioma é sistematicamente abandonada e excluída do apoio público”, indicou Lobeira, que tamén se queixou das “artimañas” coas que a Xunta “discrimina á prensa que vén de nacer este ano, que non poderá solicitar subvencións até o seguinte”.

“Malia os seus obstáculos, este pobo non pensa deixar morrer a súa lingua e por iso, nestes días e sen ningún tipo de apoio empresarial, senón grazas á iniciativa popular verá a luz un medio como Sermos Galiza”, engadiu o parlamentario nacionalista.

A réplica a Lobeira estivo a cargo do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, que, retraéndose a anteriores debates co BNG sobre esta temática, confirmou que a Xunta seguirá sen axudar economicamente a medios escritos na norma reintegracionista e defendeu que os medios en galego nacidos este ano non poidan solicitar axudas ata o seguinte “porque hai que ver a súa difusión”.