venres 07/05/21

Alberto Oubiña: "A literatura galega é chave para gañar novos falantes"

O futuro da lingua está nas novas xeracións e a literatura galega é chave para que a mocidade dea o paso a comunicarse en galego no día a día. Así o considera o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña. O seu departamento colabora con Aí vén o Maio!, o novo coleccionábel que até final de mes acompaña Nós Diario debullando 16 obras esenciais da literatura galega.
O pontevedrés Alberto Oubiña está á fronte das Concellarías de Xuventude e Normalización Lingüística (Foto: Xaquín Soliño)
O pontevedrés Alberto Oubiña está á fronte das Concellarías de Xuventude e Normalización Lingüística (Foto: Xaquín Soliño)

Con que obxectivo impulsan este novo coleccionábel? 

A literatura galega é fundamental para gañar novos falantes e penso que este coleccionábel, en que diversos expertos debullan 16 obras esencias, axudará moita xente moza a reparar e achegarse ás nosas letras e a autores emblemáticos

Colaborar coa edición de Aí vén o Maio! e facelo ademais da man de Nós Diario e as e os expertos que analizan os 16 libros é un proxecto moi ilusionante. 

Ademais, como a Concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra ten unha liña de colaboración constante cos centros de ensino, estes recibirán todas as entregas de Aí vén o Maio! para que o profesorado poida, se así o desexa, traballar nas aulas coas análises que nas páxinas do coleccionábel se recollen e empregalas como ferramenta de traballo nas aulas. 

Que representa Aí vén o Maio! para a súa Concellaría?

Supón afondar na figura e obra de autores esencias da literatura galega. Son os imprescindíbeis, hai que telos sempre connosco e relelos. Por suposto que hai máis de 16 libros esenciais, o cal é un bo sinal. A Galiza ten moita e moi boa produción. Esta é a unha proposta que, por suposto, é ampliábel. 

En canto á situación da lingua na xente nova, como valora que un de cada tres estudantes remate a ESO sen competencia en galego, segundo amosa o recente estudo elaborado pola Real Academia Galega?

Os datos son moi preocupantes e cremos necesario implementar outra política lingüística desde xa. A Xunta leva moito tempo perdido con actuacións que non funcionan. Pola contra, nós vimos traballando desde hai anos cos centros de ensino e este curso lanzámonos a traballar coa Universidade de Vigo co proxecto "Falamos" para animar o estudantado que chega por primeira vez á facultade a falar en galego. E como o facemos? Ofrecemos variadas actividades: grupos de voluntariado lingüístico, actividades en que estudantes se poidan xuntar para coñecerse e comezar a falar galego, ferramentas de apoio... o obxectivo é crear contextos para falar en galego. 

A Xunta defende que o estudantado ten unha alta competencia no noso idioma, mais, á parte de ser unha falacia, como amosa o informe da Real Academia Galega, de supormos que for certo, habería que preguntarse de que serviría que na Galiza houbese unha alta competencia da lingua propia se logo non hai nin se crean espazos en que falar en galego sexa cómodo, sen sentirse observado. 

Por iso, precisamos apoiar creadoras e creadores para que haxa máis música en galego, máis series en galego, demandar unha canle na TVG de programación infantil en galego, apoiar a dobraxe de series... Son todas cuestións que, por riba, xeran postos de traballo. 

Nós non pretendemos impor nada, o que queremos é crear espazos en que se poida facer vida en galego, é dicir: normalizar. E para iso precisamos que haxa actividades do día a día na nosa lingua. 

Mais nas cidades, como en Pontevedra, segue a haber un retroceso de galegofalantes. 

É unha situación complicada mais nas nosas mans está darlle a volta. Hai futuro para o galego se se aposta por políticas lingüísticas e non lingüicidas. 

E a ese respecto, que actividades van desenvolver con motivo do Día das Letras Galegas?

Contamos cunha programación durante todo o mes de maio. Onte inauguramos a exposición "Cantámola en galego", que repasa os últimos 20 anos de música do país. Estará todo maio ao ar libre na Praza de Ourense e o curso que vén exporase nos centros de ensino. Nela faise un repaso sobre toda produción musical en galego e está comisariada pola xornalista Teresa Cuiñas e co crítico musical Pepe Cunha, de Ábrete de orellas. 

Tamén hai programado un cine forum con coloquio no Teatro Principal, en que se exhibirán os filmes Dorothé na Vila, As nosas derrotas e Vikingland

O 17 de maio haberá un evento poético musical homenaxeando Xela Arias na Praza da Ferrería. Ademais, a finais deste mes decorrerá o Galegote Rock, o festival de bandas en galego. 

Voltando ao coleccionábel, cal é o seu libro especial dos 16 que se analizan? 

De catro a catro, de Manuel Antonio. É un libro que teño desde a adolescencia comigo, desde que o lin na clase de Literatura galega do século XX. Gústame moito, pola seu vangardismo, polo momento da vida en que o lin e pola relación que eu sempre tiven co mar.

Ademais, no coleccionábel, este libro analízao Anxo Fernández Guerra, profesor en Pontevedra que sempre colaborou coa Concellaría de Normalización Lingüística e que ademais realiza un traballo enorme co portal ogalego.gal onde ofrece ferramentas gratuítas para profesorado e alumnado de mellora da calidade lingüística.

comentarios