‘Lingua Viva’: unha plataforma para recoller “doazóns lingüísticas” dos galegofalantes

Investigadores da USC impulsan esta iniciativa, na que as e os cidadáns poden enviar palabras, expresións, audios, vídeos, conversas de whatsapp… “A idea é conformar un corpus que represente de maneira axeitada a variedade e vitalidade da nosa lingua”.

xente, demografía, demográfico, poboación

A profesora Elisa Fernández Rey desde o Instituto da Lingua Galega (ILG) coordina o proxecto Lingua viva, iniciativa que quer poñer en marcha unha plataforma que permita recoller o patrimonio lingüístico galego mediante un método colaborativo coa cidadanía. “É dicir, que todos os cidadáns poidan participar fornecendo o seu coñecemento lingüístico. O noso propósito é crear un espazo que reúna as doazóns lingüísticas dos falantes do galego vivo”, indica a investigadora.

Esta plataforma en liña incorporará distintas vías para levar a cabo a recollida do legado lingüístico, que pode ir desde a doazón de palabras e expresións até o envío de audios ou vídeos, conversas de whatsapp ou a participación en experimentos de produción ou percepción lingüística.

“Por exemplo, a xente pode achegar as distintas expresións que emprega para amosar enfado, xa sexa a través dunha gravación, texto escrito… e con todo ese material obtense unha representación gráfica na que se reflicten as diversas expresións que se usan segundo a idade ou o sexo, poñamos por caso”, indican os investigadores do Ilga nun comunicado.

“A idea é que a cidadanía achegue información, pero que tamén poida comprobar como a fala cambia segundo distintos parámetros. As linguas están vivas porque están en continuo movemento e cambio”

“A idea é que a cidadanía achegue información, pero que tamén poida comprobar como a fala cambia segundo distintos parámetros. As linguas están vivas porque están en continuo movemento e cambio, e precisamente iso é o que as converte en instrumentos tan eficaces para nos entendermos e nos comunicarmos”, apunta Fernández.

A finalidade do proxecto Lingua viva é conformar un corpus amplo que represente de maneira adecuada a variedade do galego vivo en todas as súas expresións, contribuíndo a que a xente tome conciencia da riqueza que supoñen as linguas, que se recoñeza o valor que representa unha lingua viva.

Ademais, a partir dos datos recollidos, poderanse realizar unha serie de investigacións nos campos lingüístico, sociolingüístico, da análise do discurso… Un modo de facer visíbel e poñer en valor o patrimonio lingüístico do galego actual.

“O noso principal obxectivo non é tanto salvagardar aspectos da lingua que se van perdendo senón resaltar a capacidade de comunicación e expresión da lingua que creamos e conformamos cada día cando falamos. A idea é que a xente vexa a lingua como algo vivo e que se recoñeza nalgún dos xeitos que temos de falar na Galiza. Trátase de achegármonos a como a xente realmente fala” -salientan desde o ILG-.

A investigadora da Universidade de Santiago pon de relevo que “é fundamental que os cidadáns se animen a participar tamén nas investigacións de carácter lingüístico a través de pequenas doazóns económicas porque a lingua é de todos, é un ben que nos pertence a todos por igual e os resultados destes proxectos representan un beneficio para o conxunto da sociedade”.

A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, co respaldo do Consello Social da USC. Unha das liñas deste programa céntrase no apoio a actividades de investigación. Un dos proxectos que poden recibir financiamento dentro desta liña de micromecenado é o coordinado pola profesora Elisa Fernández Rey desde o Instituto da Lingua Galega.

Comentarios