Análise

Lingua e diáspora: achegas para un debate

Miguel Losada Campa, membro do Instituto de RRPP de Irlanda e avogado, e Xabier Prado Orbán, profesor xubilado, proseguen o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
O galego, sinal identitario dunha nación global sen Estado nin fronteiras como é a Galiza da diáspora pacífica e traballadora. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera O galego, sinal identitario dunha nación global sen Estado nin fronteiras como é a Galiza da diáspora pacífica e traballadora. (Ilustración: Álex Rozados)

É normal que nun país con catro idiomas recoñecidos como Dereitos Humanos Lingüísticos polos tratados internacionais vixentes na materia e dos que só un deles ten o estatuto legal de "lingua común" se produzan situacións como o debate sobre o bilingüismo en Cataluña ou o uso dos "idiomas non-comúns" nas capelas da Democracia: o Congreso e o Senado.

España precisou de 119 anos de Constitucións (da 'Pepa' de Cádiz en 1812 ata a Republicana do Ateneo en 1931) para recoñecer o castelán como lingua común. Coñecendo como coñecemos as idiosincrasias patrias, non é estraño que o galego, o éuscaro e o catalán precisen doutro tanto ou algo máis.

Os tres idiomas 'non-comúns' teñen un status rexional fronte ao castelán estatal, cunha protección legal e mediática acorde, relegándose as outras linguas (sequera nomeadas na Constitución) a un rol de cooficialidade en partes do territorio.

Porén, a situación do galego presenta varios aspectos diferenciais, entre eles:

—Fáltalle o apoio decidido como ferramenta económica dun goberno autonómico que o sitúe ao nivel do inglés e 
do castelán.
—Pertenza ao tronco común da lusofonía cun "mercado global" de máis de 270 millóns de consumidores lingüísticos.
—Sobre todo, o sinal identitario dunha nación global sen estado nin fronteiras como é a Galicia da diáspora pacífica 
e traballadora.

Este terceiro aspecto, porén, non adoita aparecer nos debates de actualidade como os mencionados inicialmente. A diáspora, como a Catedral de Santiago, Rosalía ou Castelao, é un dos sinais identitarios do pobo galego na historia da Humanidade. A emigración americana foi un elemento decisivo na mellora do nivel sociocultural do noso pobo, e nos tempos escuros do franquismo a chama da nosa cultura mantívose acesa grazas á diáspora.

Actualmente, alén da emigración a outros países (principalmente de América e de Europa), e dos territorios galegos exteriores ás fronteiras autonómicas, a emigración a outras partes do Estado español conformou unha "diáspora interior" que carece de visibilidade. Unha persoa galega na Arxentina, Portugal ou Alemaña é vista como tal, mentres que en Madrid ou Barcelona deixa de contar como "diáspora".

Este artigo é a primeira achega dunha serie delas coas que quixeramos ampliar o debate sobre o estatuto das linguas cooficiais para contemplar neste, tamén, a situación da lingua galega alén do territorio autonómico.

Proposta de achegas

1.—Lingua, profesión e Constitución
Partindo da análise sobre o xeito no que as linguas diferentes do castelán aparecen relegadas constitucionalmente, abordamos a realidade do seu recoñecemento internacional non aplicado en España.

2.—Lingua e economía
Diversos estudos amosan a importancia da lingua no PIB dun país. Propoñemos reflexionar sobre as vantaxes económicas que resultarían dunha República con catro niveis lingüísticos en vez de dezasete administrativos (CCAA), así como da aprendizaxe do galego como segunda lingua.

3.—Igualdade e reciprocidade
Para honrar os Tratados Internacionais que leva asinados en materia de linguas, o Estado español debería favorecer relacións igualitarias entre os catro idiomas que o conforman. Contemplaremos tamén posibilidades alternativas.

4.—Apartheid e diáspora
O actual presidente do PP ten alcumado a situación da lingua castelá en Cataluña de "apartheid lingüístico". Para ser exacto, tíñase que ter referido dese xeito á situación da lingua galega no Estado español.

5.—Cooficialidade en igualdade
Unha Constitución que recoñeza as linguas estatais en plano de igualdade fornecería un marco de convivencia inédito. Aínda que bastante hipotéticas, existen varias opcións ao respecto.

6.—Sinerxías e argumentos
Reflectiremos aquí sobre as posibilidades de concretar actuacións comúns nas diversas diásporas do tronco lusófono coas que confluímos, así como algúns argumentos de interese.

Estas achegas pretenden convidar ás lectoras e lectores a participar no debate sobre a situación da lingua galega na diáspora completando, corrixindo, matizando e ampliando o alcance destas ideas.

Ao igual que o irlandés e moitos outros, somos diáspora, un pobo global sen fronteiras nin Estado, e o futuro da nosa lingua xógase tamén nese campo sen marco xeográfico delimitado.

Comentarios