9 de novembro en Teo

LGx15 ou como achegar a lingua á mocidade

LGx15. Ideas para o futuro da lingua, evento organizado pola Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua (CTNL), chega á quinta edición con propostas sobre o uso do galego no cinema, na rede, no transmedia ou na música. Oito intervencións trasladarán, o vindeiro sábado 9 de novembro en Teo, experiencias de compromiso lingüístico en diferentes eidos, do cotiá á atención médica, procurando influír nas actitudes e alzar a conciencia lingüística.

galego CTNL LGx15

O LGx15 fai cinco anos, consolidándose como evento dinamizador que procura a reflexión sobre alternativas para fomentar o uso da lingua especialmente entre a mocidade, algo fundamental á vista dos resultados que deita a última enquisa sobre “coñecemento e uso do galego” do Instituto Galego de Estatística.

Organizado pola Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e do Concello de Teo, a quinta edición terá lugar no Auditorio Constante Liste (Teo), o sábado 9 de novembro, ás 18 horas. Ollando sempre cara ao futuro, o evento propón oito charlas breves, nas que se transmitirán ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o emprego do galego.

Activismo multidisciplinar

Cada unha das convidadas disporá de 15 minutos como máximo para trasladarlle ao público a súa experiencia. Malia seren os perfís do máis variado, teñen especial relevancia aquelas charlas relacionadas coas novas tecnoloxías. Neste senso, estará presente Dhaunae de Vir, especialista en transmedia, que analizará o uso da lingua nos videoxogos e outras narrativas. Alba Mancebo, xornalista e responsábel de contidos web da CRTVG, exporá as súas ideas sobre a importancia de contar historias en galego na rede.

Tamén haberá exemplos a seguir, como o de Alba Rodríguez Carrera, traballadora e estudante que falará da súa decisión de comezar a falar galego desde 1 de xaneiro de 2019, algo que “na área metropolitana de Vigo e mesmo en outras moitas zonas da provincia implica sentirte forasteira na túa terra”, afirma. Outro referente, a cantante de Xoana, abordará a lingua na música desde a perspectiva creadora, atendendo ao seu camiño de recuperación da lingua materna.

Rosa Aneiros, escritora e xornalista, propón a charla “O que entendín cando aprendestes a andar en bicicleta”, poética meditación sobre a importancia da lingua na infancia. Á orde do acontecemento cultural do momento, a estrea na Galiza de O que arde, o produtor cinematográfico de DOGHS, Suso López, falará da realización de cinema independente en galego, lanzando preguntas sobre a necesidade, a dificultade e a rendibilidade de o facer. O dermatólogo Emilio del Río, pola súa banda, tratará a relación coa lingua como instrumento médico, mentres Roberto Rivas, bombeiro e activista social, remitirá á importancia de facer cambios positivos socialmente a favor do idioma.

Lingua, música e humor

O LGx15 virá, como de costume, cargado de música e humor, nesta ocasión a cargo de Os da Ría Íntimos (Arturito Puy e Fabián Santomé, acompañados por Suso Pián), que farán de condutores do evento. Diferentes temas e visións compoñen un programa que habilita un espazo para axudarnos a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos, propostas de mellora e azos para seguir o camiño. Ofrece, en definitiva, un formato para meditar, actuar e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando experiencia e propostas para trazar novos camiños. As entradas están á venda na web do LGx15, ao prezo de 6 euros anticipada e 10 euros no propio día en billeteira.

Comentarios