Leccións para un uso correcto do galego

Nós Diario lanza en maio un curso de lingua galega para todos os públicos.
correlingua vigo
photo_camera Crianzas participan no Correlingua 2019 en Vigo.

Coincidindo co mes das letras, Nós Diario vai desenvolver un curso de lingua galega que busca contribuír a un uso mellorado do idioma. 

En total, 15 leccións dirixidas a todas as lectoras nas que se van debullar aspectos fundamentais relacionados co léxico, coa gramática, coa pronuncia ou coa ortografía; que teñen por obxectivo afianzar a calidade do galego que empregamos. Velaquí un anticipo das primeiras entregas.

Castelanismos

É o fenómeno que acontece cando as persoas falantes dunha lingua se desvían da norma por influencia doutra. No caso do galego, é unha manifestación do conflito lingüístico co castelán, a lingua de contacto que no noso territorio goza dunha posición social preferente.

É hora de atallar todos eses castelanismos que afectan os usos sociais. Desbotemos *errores tan habituais como dicir *cumpreanos, *despacio, *soler, *ventana, *enterar, *plantexar, *convinte, *bueno, *vamos a ver ou *silla. Mellor non cometer erros cando temos expresións e palabras propias: aniversario, amodo, adoitar, ventá, saber, propoñer, conveniente, ben, imos ver ou cadeira.

Cuestión de xénero

A interferencia lingüística ten un efecto moi directo sobre o xénero dos substantivos. En moitos casos coincide, pero non sempre. De feito hai nomes que convén asentar para non lles mudar o xénero propio do galego. 

Lembrade, é o leite, a auga, o nariz, o mel, a suor, a árbore, a calor, o sal, o labor, a análise, o sangue... Non esquezades, tampouco, evitar a linguaxe sexista. Hai alternativas para construír un discurso inclusivo: o alumnado, a veciñanza, o persoal traballador, os amigos e as amigas. Mesmo podemos optar por utilizar o feminino como xenérico. 

Pronuncia

A interferencia do castelán tamén afecta ao sistema vocálico do galego, á colocación do acento fónico nalgunhas palabras e mesmo a unha interpretación errónea da grafía 'x' nuns cantos termos. 

É 'complekso', 'crucifikso', 'perplexo'; e tamén elite, heroe, medula, parasito e téxtil -nin *élite nin *héroe nin *médula nin *parásito nin textil-. Son isóbaras, petróglifos e óboes. Óso e oso. Fóra e fora. Présa e presa. Bóla e bola. Nós e nos.

Pronomes

Por norma xeral, o pronome debe ir despois do verbo. Dígocho eu. Nunca se pode comezar unha oración cun pronome átono. *Cho xuro. Mais hai outros supostos nos que a norma cambia e a colocación varía. Atenta á cuarta lección. 

Hipergaleguismos

Alén dos castelanismos existen outro tipo de interferencia habituais na nosa lingua. Son os hipergaleguismos ou hiperenxebrismos, que buscan unha aparencia máis galega. Non *ordeamos nin montamos *esceas. Somos sinceras, non *sinceiras. E temos palabras propias como lámpada, calzón, mesa de noite e martelo no canto de *bombilla, *calzonzillo, *mesilla e *martillo.

Verbos

Si, aquí as interferencias tamén fan os seus estragos. Mais temos formas propias: bater e debater,  correr e recorrer, verter e converter. Son verbos da segunda conxugación, non da terceira. E por ter, até temos verbos con alternancia vocálica: sigo, segues, segue, seguimos, seguides, seguen.

E seguiremos!

Comentarios