Irimia Fernández: "Que haxa xogos en galego dálle normalidade á lingua, tamén para as persoas castelanfalantes"

Irimia Fernández Álvarez é a creadora de Brazolinda, un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa que leva seis anos achegando a diversión en galego aos fogares. O nome da iniciativa procede dunha historia familiar ao redor dunha boneca de tea que veu do Brasil e que figura no seu logo.

A creadora de Brazolinda, Irimia Fernández Álvarez, no seu obradoiro de xogos (Nós Diario).
photo_camera A creadora de Brazolinda, Irimia Fernández Álvarez, no seu obradoiro de xogos (Foto: Nós Diario).

Como nace Brazolinda?

A min sempre me gustou brincar cos xogos de mesa desde moi pequeniña. Decidinme cando quixen ensinarlle xogos de mesa aos meus fillos e non atopaba uns que me gustasen, polo que comecei a deseñalos eu á miña maneira. Ademais, fíxenos en galego, que no mercado non había.

De que maneira os crea?

Depende de cada xogo. Teño moitas ideas na cabeza. Ademais do mundo dos xogos, gústame moito a educación, ensinar, observar e ver como aprenden, mais unha cousa é ter unha idea na cabeza e outra facela realidade. Igual que cando escribes un libro inventas a historia, mais sabes que logo vai impresa nun papel. Un xogo vai nun taboleiro, pode ter cartas ou non. É un proceso complexo. Unhas veces sáeme un enredo en pouco tempo e outros levaron máis de dous anos.

Unhas veces comezo por saber que quero ensinar e outras elixo unha temática. Hai algúns que son máis de habilidades e outros de concentración. O que si procuro sempre é que cada un deles ensine cousas variadas e achegue motivos educativos diferentes para que non se repitan.

Ten que documentarse?

Nos xogos que teñen contido si. Para facer o enredo, unha parte importante do tempo que consomes é, ademais de procurar información, probalos. O proceso no seu conxunto é longo e complicado até que sae ao mercado. Algúns como o do "Camiño a Compostela" ou o de adiviñas requiren tempo de documentación que hai que peneirar. O que non me gusta facer son xogos que precisen ter coñecemento, como o caso do Trivial. Quero que aprendas co xogo, que che ensine a ti. Hai que buscar a maneira de que transmita, mais dunha forma entretida.

É difícil deseñar as regras?

Ás veces leva case tanto tempo como algunhas partes do propio enredo. Podo inventar un xogo, mais logo deixar por escrito todas as normas e non esquecerte de nada... Igual eu xogo dunha maneira e ti tes un problema que a min non se me ocorreu. Procuro sempre que nos meus enredos participen grandes e pequenos, que sexan atractivos para os primeiros e fáciles para os segundos.

Sempre que promocionamos un nunha feira pomos unha zona de xogo ao lado onde a xente pode probalos. Notei que moitas persoas non acostuma a ler as instrucións dos xogos, pérdese co hábito de entreterse cos enredos de mesa. Por ese motivo redacto as normas tendo en conta que será para alguén que non está afeito a lelas. Só ese momento de ler e memorizar, tentar entendelas e polas en práctica, é un momento educativo importante.

Que papel ten o xogo na aprendizaxe?

Aprender xogando é a mellor maneira. Teño un xogo de matemáticas que é cálculo mental e nun principio pensaban que non sería atractivo, mais ao final engánchanse por ter detrás unha historia de conseguir recursos para escapar dun volcán. Se lles das algo entretido resúltalles máis interesante.

Os videoxogos son unha competencia?

É a percepción que temos os adultos. Se lles das a posibilidade de participar encántalles manipular, tirar o dado... Para o adulto é moito máis fácil mercarlles un videoxogo e que non molesten. Se tes xogos de mesa terás que xogar con eles e ensinarlles.

Son importantes para o futuro do galego?

Totalmente. É a miña lingua e a dos meus fillos. Vexo que hai moita xente galegofalante que demanda estes xogos para os seus fillos, mais tamén hai que darlle a oportunidade ás persoas castelanfalantes de ter material en galego, que tamén é importante porque non é esa hora semanal na aula. O castelán está por todas as partes. Que haxa xogos en galego dálle normalidade á lingua.

Comentarios