Iria Veiga gaña o XIII Premio a artigos xornalísticos de lingua Concello de Carballo

‘Inchazón’, desta moza compostelá que é médica psiquiatra do Hospital do Barbanza foi o elixido entre os 42 artigos presentados.

Iria veiga ramos

‘Inchazón’, de Iria Veiga, é o artigo gañador da XIII edición do premio a artigos xornalísticos de lingua do Concello de Carballo. O xurado escolleuno entre os 42 presentados e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

Segundo indicou o xurado na acta, este recoñeceu “a súa sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público a través dun texto con estrutura circular que pon de relevo a relación entre lingua e poder social. A través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. Desde o xurado considérase que o artigo pode incidir positivamente no prestixio social do idioma”.

Iria Veiga Ramos é veciña de Santiago de Compostela e é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Está interesada especialmente na divulgación científica e tamén a lingua, mantén o blog O outro lado do espello e participa en iniciativas divulgadoras.

O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Paula Vázquez, xornalista; Xosé Manuel Pereiro, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.

Nas doce edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures ou Borxa Tenreiro.

Comentarios