Segundo Agir, Galicia Bilingüe denuncia a un alumno por se solidarizar cos encausados no #8f45anos

Agir afirma que a denuncia de Galicia Bilingüe resultou na abertura dun expediente a un estudante dun IES de Pontedeume. Sermos Galiza non puido aínda confirmar este dado.

#8f45anos lingua agir

Dentro da vaga de solidariedade para coas 12 persoas encausadas no proceso #8f45anos un grupo de alumnos do IES Breamo de Pontedeume fíxose unha foto con cartaces coa lenda 'Defender o galego non é delito'. Unha imaxe que rapidamente se espallou polas redes sociais merecendo mesmo os agradecementos de varios dos encausados.

A raíz dese simple acto de solidariedade, Galicia Bilingüe iniciou unha campaña pola cal denunciou ante o centro educativo esa mostra de solidariedade, que decorreu durante o tempo de recreo dos estudantes.

Investigación

Segundo informa Agir, a dirección do IES teríase posto en contacto cun dos alumnos, militante desa organización estudantil, para lle notificar o inicio dunha investigación e a apertura dun expediente. AGIR sinala que a propia dirección recoñeceu a este estudante que Galicia Bilingüe mencionara o seu nome na denuncia.

“Na realidade, o jovem que vai ser investigado nom sabe com claridade quais som os possíveis fatos que ficam fora da legalidade, nem as razons polas que se lhe culpabiliza em concreto à sua pessoa”, afirman desde Agir nun comunidade de imprensa.

Esta organización destaca que o mozo xa recibiu mostras de solidariedade e de apoio dos seus e súas compañeiras, como a colocación de mensaxes de ánimo redactados polo propio alumnado nos taboleiros do centro.

Comentarios