UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Ou inmersión nas linguas propias ou imposición do español

Galiza, Euskal Herria e Catalunya collen folgos para facer fronte á LOMCE e defenden para o ensino un modelo de inmersión onde o castelán, lonxe de ser a lingua vehicular, se estude como máis unha materia.

Screen Shot 2017-05-22 at 19.39.02
photo_camera Mobilización xigante de Queremos Galego no Obradoiro contra o decreto do plurilingüismo

"El gallego es una lengua preciosa pero se tiene que estudiar como eso, como una lengua preciosa". "Tienen que hablar todo en gallego... las matemáticas... un más un... muy mal, muy mal". "Tenemos que reivindicar el español, que es la lengua que nos va a permitir comunicarnos con el mundo". "Estoy de acuerdo con que estudien el gallego, pero las asignaturas troncales en gallego de ninguna manera". "Tenemos dos gramáticas, abuelo con 'b' y con 'v'; que explicación le das a un niño de que el abuelo baja de tamaño? No se puede estar cambiando la gramática". "Tenemos un idioma muy rico que se habla en muchos sitios y el gallego se habla menos y es un idioma, pero para andar por casa".

"En el franquismo no se prohibió el gallego! En Orense las coplas de los mayos fueron siempre en gallego, con la única diferencia de que al final de la copla ponían 'viva Franco, arriba España!'". "A min danme medo os nenos que soamente saben falar en galego; que lles ensinas, as partes do corpo en galego?" "A los profesores les obligan a hablar el gallego y si no lo hacen te forman una especie de consejo y te destinan pues... a Huelva!". "Tiene que tener más espacio el español; el gallego enriquece, pero en su justa medida".

Así, quitándolles a careta aos grupos que defenden a tan cacarexada 'liberdade de elección de lingua', iniciamos esta reportaxe que pretende ser unha radiografía da situación das linguas propias no ensino. Todas as opinións colocadas máis arriba están recollidas nun vídeo realizado pola plataforma 'Sei o que nos figestes'. Foron reproducidas de maneira literal e non son unha brincadeira. Pertencen a persoas que se manifestaron en Compostela o 18 de febreiro de 2009 nun protesto contra a 'imposición' convocado por Galicia Bilingüe. Entre el@s, na faixa principal, mobilizouse a voceira de UPyD no Congreso, Rosa Díez. Unha emenda desta formación política, aceptada polo PP, vai fixar o español como lingua vehicular nas aulas de todo o Estado, a través da Lei de mellora da calidade do ensino, a LOMCE, popularmente coñecida como 'Lei da Wertgoña'.

Sen estaren tan organizados, grupos como o que preside Gloria Lago hainos en todos os territorios con lingua propia. Mais tamén hai organizacións que dan a batalla para que esas linguas teñan dentro das aulas o recoñecemento que merecen e que o castelán sexa o que é, ao igual que o inglés ou o francés: unha lingua máis. Falamos con elas.

GALIZA: SÓ 1 DE CADA 5 HORAS EN GALEGO

Son seis as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza que declaran ilegais os dous alicerces básicos do decreto do plurilingüísmo, con que o PP regulou a presenza do galego no ensino: que sexan as familias as que escollan o idioma das aulas non é legal porque non responde a criterio pedagóxico ningún. O mesmo argumento serviu ao tribunal para botar abaixo a disposición segundo a cal o uso da nosa lingua non era obrigatoria nas aulas.

Ambos os dous artigos foron "os responsábeis do varrido do galego no 96% dos centros de ensino do País, sobre todo nas cidades", segundo valora o presidente da Mesa, Carlos Callón. O desacato da consellaría de Educación para con estas seis sentenzas foi contestado polo TSXG, obrigando á súa execución inmediata.

A Mesa: "Haberá que ver se a Xunta actúa como Goberno galego ou defende unha lei que nega as diferenzas nacionais"

Que pasará coa LOMCE? "Veremos se a Xunta actúa como Goberno galego ou se continúa a defender unha lei que nega as diferenzas nacionais", sinalou Callón. Desde A Mesa reclaman que "polo menos" 50 por cento do ensino sexa en galego en todas as etapas educativas e a respeito da inmersión lingüística recalca Callón que "o que non debe é estar prohibida". A día de hoxe na etapa non universitaria unicamente se imparten en galego unha de cada cinco horas lectivas.

EUSKAL HERRÍA: 4 MODELOS EDUCATIVOS

O percorrido polas aulas de Euskal Herría cómpre encetalo sinalando que o euskera é idioma oficial nas tres provincias da Comunidade autónoma basca, máis en Navarra só ten tal consideración nunha pequena parte do territorio. A partir desta premisa, estabelecéronse catro modelos educativos: no 'A' a lingua vehicular é o español e o euskera estúdase como materia 3 ou 4 horas á semana; no 'B' hai aulas en español e en euskera, sen atender a ningún criterio proporcional; no 'D' o euskera é a lingua vehicular e o español estúdase como materia; e no 'G' a lingua propia de Euskal Herría non existe nin como materia.

Screen Shot 2017-05-22 at 19.39.05Paul Bilbao, presidente do Kontseilua, recorda unha sentenza do Tribunal Constitucional para sinalar que as crianzas teñen "o dereito" de acabar a escolarización dominando as dúas linguas. Por tanto, entende que o modelo 'G', implementado alí onde o euskera non é lingua oficial, "é contrario ao desenvolvemento da lingua basca". O alumnado do modelo 'A' non domina tampouco o euskara e "algúns saen monolingües porque prevalece un suposto dereito das nais e pais que proclama a 'liberdade lingüística' mais que vulnera o dereito á educación".

Kontseilua: "É hora de superar un sistema de 4 modelos e camiñar cara á inmersión en euskera"

Así as cousas, o Kontseilua entende que vai sendo hora de "superar" o sistema vixente e camiñar cara a un único modelo, o 'D', baseado na inmersión en euskera. "Nos últimos 25 anos a sociedade basca deu un xiro espectacular", explica, pois o ensino só en euskera ofertouse durante moitos anos unicamente nas ikastolas, que comezaron a dar aulas de maneira clandestina na ditadura e que agora son un modelo de ensino concertado. Porén, "hoxe a meirande parte dos centros ofertan o modelo 'D' e é tamén o que escolle a meirande parte do alumnado". O carácter oficial de que goza o euskera estabelece unha liña vermella que o Estado non pode cruzar, polo que "en teoría" -enfatiza Bilbao- a LOMCE non poderá derrubar os modelos que vimos de describir. Porén, "danos medo, tanto pola interpretación que despois se faga dela como polo que carrexará detrás". E, así, explica que, de o Goberno basco dar un paso á fronte e apostar nun único modelo educativo, o 'D', a lei española redactada polo ministro Wert prohibiríao.

CATALUNYA: A "PAZ LINGÜÍSTICA", RACHADA

"Tiñamos paz lingüística. Aquí non se falan dúas linguas; fálanse 280 entre todas as crianzas escolarizadas. E, co máximo respeito ás súas linguas maternas, o Parlament escolleu o catalán como lingua vehicular no ensino, votando a favor mesmo o PP.". Quen fala é Teresa Casals, responsábel da área de educación da Plataforma per la Llengua. Tamén nos modelos de inmersión ao rematar a etapa obrigatoria o alumnado domina o español. "As avaliacións externas que nos fan determinan que os escolares cataláns non saben menos español que os de Madrid ou Toledo", sinala Castels, taxativa, recalcando que non había ningún motivo para intentar mudar este modelo a través da LOMCE. Por tanto, a motivación é "política".

Unha sentenza do Tribunal constitucional obrigaba a atender as necesidades das familias que querían que o castelán fose a lingua vehicular dos e das fillas. "E a Generalitat atendeu esta petición. O que non pode ser é que un só neno obrigue a mudar a lingua vehicular nunha aula de 25". Di Teresa Castels que a 'lei de Wert' "vén crear un problema onde non o hai" e, ao contrario do que aconteceu na Galiza, onde o presidente Feijóo non só non a cuestionou, senón que se mostrou orgulloso de que o seu "modelo bilingüe" se espallase alén do Telón de Grelos, Castels anuncia que, de entrar en vigor a norma, "suporá un choque de trens".

"Se o galego non se conserva na Galiza, onde se vai conservar?", di, enfatizando a importancia da inmersión lingüística. "Se a cidadanía dos nosos territorios paga os seus impostos coma os de Madrid, por que a nosa lingua ten que ser de segunda? Porque no Estado español hoxe, igual que no século XIX, as diferenzas son perseguidas".

CATALUNYA NORD: LA BRESSOLA

A influencia da Catalunya do sur chegou ao norte. "Hai 20 anos o catalán aquí era unha lingua marxinada, a lingua dos paisanos, a que se falaba na aldea. Hoxe deuse un xiro de 180 graos e a xente decátase de que teñen unha cultura dentro da casa, mais non poden ter un acceso pleno a ela porque non coñecen a lingua". Francesc Franquesa é o director pedagóxico da Bressola, a rede de escolas de inmersión en catalán que tamén libran a batalla por manter viva esta lingua, desta volta contra o Estado francés.

"O sistema público francés ou ben é monolingüe ou ben oferta aulas -non centros- bilingües. Nestas últimas, a presenza do catalán é, no mellor dos casos, 50%; mais a meirande parte das veces limítase a 1 hora á semana para lles aprenderen catro cancións e un poema", explica Franquesa. Fronte a este modelo están as bressolas, centros concertados onde se aprende a ler e a escribir en catalán para introducir o francés no currículo educativo a partir do terceiro curso. "Por suposto, fóra das aulas xa falan francés moito antes". Cando o alumnado das bressolas pasa ao Liceo -cuarto da ESO e bacharelato- deben superar un exame oficial de francés e os resultados "son iguais ou mellores" que os colleitados por rapaz@s que veñen dunha escola monolingüe. Aliás, cómpre sinalar que, contra o que poida parecer, 90% das familias que escollen a bressola non son catalán-falantes: aínda que coñecen este idioma porque o falan os e as avoas, a lingua materna del@s é o francés.

ILLES BALEARS: O 'DECRETAZO' DE 33%

Este territorio dos Països Catalans está estes días nas capas de todos os xornais. A "histórica" mobilización contra un decreto copiado do galego e que reduce a 33% a presenza da lingua propia no ensino quitou ás rúas máis de 100.000 persoas. Porén, como eran as aulas nas Illes antes do 'decretazo'?

Plataforma per la Llengua: "No Estado español hoxe, ao igual que no século XIX, as diferenzas son perseguidas"

Foi un goberno do PP, o presidido por Jaume Matas, o que en 1997 aprobou un decreto chamado 'de mínimos' que estabelecía que 50% das aulas se impartirían en catalán e a outra metade en español. "Non o fixo tanto por iniciativa propia como por habilidade política, pois a presión social nesta liña era inmensa". Conta Tomeu Martí, activista da Obra cultural balear, que foi esta a norma que regulou a presenza da lingua propia nas aulas até a chegada ao Govern balear "dun PP extremista e españolista", encarnado na persoa de José Ramón Bauzá, que se pregou perante os desexos dos grupos que piden "liberdade de elección lingüística". Fixo dúas consultas ás familias e nas dúas obtivo os mesmos resultados: só 13% marcou español. A resposta á imposición do modelo 'trilingüe' foi tal que o profesorado acumula 19 días de greve. De paso, revólvense contra a LOMCE, "máis un paso do nacionalismo español que pretende implantar no ensino a idea dunha España que non existe".

Esta reportaxe viu a luz no Sermos67, publicado a 3 de outubro de 2013

Comentarios