A iniciativa para fomentar a transmisión do galego suma 23 concellos e unha poboación dun millón de habitantes

Apego, o proxecto para a socialización da infancia en galego, naceu en marzo de 2015. Traballa para promover e arroupar a transmisión da lingua ás nenas e nenos.

Crianzas
photo_camera Crianzas

En apenas un ano de vida, o proxecto para a socialización da infancia en galego, 'Apego', suxa xa 23 concellos, que representan unha poboación de máis dun millón de habitantes. En marzo de 2015 asinaban un protocolo de colaboración os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo. Nacía así este programa para promover e arroupar a transmisión da lingua ás nenas e nenos.

Os concellos participantes impulsaron diversas accións, centradas nas crianzas entre 0 e 6 anos mais que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos…, para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con ela. O Apego mantense desde os servizos de normalización lingüística dos concellos participantes, impulsados inicialmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

A comunidade creada arredor do Apego foi medrando nestes mese.  O vindeiro sábado, día 9 de abril, ás 12.00 h no Centro Ágora da Coruña, terá lugar o acto de adhesión de novos concellos: A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo

Comentarios