Unha ‘ILP’ europea para protexer as linguas minorizadas

Unha iniciativa procura un millón de sinaturas para que a Unión Europea vele polos dereitos lingüísticos e  nacionais das minorías.

Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

FUEN, Unión federal de nacionalidades europeas, presentou en Barcelona unha iniciativa a nivel continental que ten como obxectivo comprometer a Unión Europea na protección das minorías lingüísticas e nacionais de Europa, segundo informa El Punt Avuí.

O proxecto segue o camiño das ILP, as iniciativas lexislativas populares, e márcase como obxectivo recoller un millón de sinaturas para que Bruxelas se comprometa a poñer en marcha unha serie de leis e normas a favor das minorías lingüísticas.

FUEN está integrada por 90 organizacións que representan por volta de 400 minorías. A iniciativa ‘Minority Safepack’ quer superar a actual lexislación, que deixa en mans dos estados a protección das linguas minorizadas, para que estas sexan competencia partillada con Europa. A priori, considera a FUEN, así garantiranse máis dereitos a estes colectivos.

Esta organización calcula que por volta de 50 millóns de persoas en Europa fan parte de comunidades con linguas minorizadas: “Se fosen un estado sería un dos máis grandes da UE”. A campaña, co título “Non estás so”, xa recolleu máis de 600.000 apoios.

Comentarios