xoves 02.07.2020

Ikea incorpora o galego ao seu web e recibe os parabéns das usuarias

A compañía sueca de móbeis Ikea, atende as reclamacións das usuarias e inclúe o galego no seu web.
A Mesa e activistas do galego protestan na Coruña (A Mesa).
A Mesa e activistas do galego protestan na Coruña (A Mesa).

Despois de varios anos de tirapuxas e reclamacións directas dos colectivos en defensa da lingua e de usuarias da compañía sueca, Ikea xa inclúe o galego entre os idiomas dispoñíbeis no seu web.

O galego era a única lingua cooficial do estado que a multinacional ignoraba na información xeral da súa páxina web, na atención á clientela online e tamén na telefónica. Esta exclusión reiterada motivou a posta en marcha de diferentes campañas destinadas a convencer a empresa de móbeis da necesidade de normalizar o uso da lingua no seu centro da Coruña mais no resto de servizos propios.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística xuntáronse cos responsábeis da tenda por primeira vez en 2012 para trasladarlle o seu interese en o galego ocupase un espacio igual ao que  mantiñan outras linguas oficiais.

A partir de 2016, a presión sobre a compañía nórdica creceu. "As queixas pola ausencia de galego en Ikea, cando a mesma empresa prestaba os seus servizos en catalán e éuscaro chegaron a encabezar as denuncias na Liña do Galego", lembra Marcos Maceira, presidente da Mesa. "Agora queremos felicitala por considerar á demanda social e incluír a nosa lingua no web. E animámola a galeguizar ou mellorar servizos pendentes: a app, os carteis, o catálogo", conclúe.

comentarios