A III Gala aRi[t]mar reúne Salvador Sobral, A Banda da Loba, Alexandre Brea, Lois Pérez e Convergências Portugal –Galiza

O evento, con entrada libre, celebrarase o 31 de outubro no compostelán Auditorio de Galiza

sallvador sobral
photo_camera O músico portugués Salvador Sobral. Foto: cedida.

A  III Gala aRi[t]mar contará coa participación de artistas e entidades gañadoras: Salvador Sobral, A Banda da Loba, Alexandre Brea, Lois Pérez e Convergências Portugal–Galiza. A gala decorrerá no Auditorio de Galiza (Compostela) o vindeiro 31 de outubro e con entrada de balde.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou os vínculos coa lusofonía que promove Convergências para reforzar a presenza de Galiza en Portugal, “a ilusión” que transmiten a “A Banda da Loba”, Alexandre Brea e Lois Pérez, ademais de Salvador Sobral “que alcanzou uns índices de popularidade moi elevados”.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, recoñeceu o traballo do equipo de dinamización lingüística e do conxunto do profesorado e do alumnado da EOI “por este proxecto singular e único”,  que “pon en valor a poesía e a música contemporáneas” para alén de transmitir que “detrás dun idioma hai unha literatura e unha cultura, sinais que deben de converxer para coñecermos o ámbito galego-portugués”.

O concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios, sinalou que a Gala aRi[t]mar volve achegar “o mellor da cultura galega e portuguesa a Compostela”.  O director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, engadiu que colaboran ademais das entidades presentes o Instituto Camoês e o Agrupamento Galiza-Norte de Portugal.

Comentarios