Exposición

Hai ou non hai cancións abondas en galego? En Pontevedra sábeno!

Laiármonos de que non haxa cancións suficientes en lingua galega é cousa do século pasado. Pontevedra amosa a enorme diversidade musical no idioma propio da Galiza cunha exposición que pode visitarse todo este mes de maio na praza de Ourense.

canta
photo_camera Xornada de inauguración da exposición, que pode verse todo o mes de maio na praza de Ourense de Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)

“Cantámola en galego” é a exposición sobre a música que recolle mostras das dúas primeiras décadas do século XXI. Unha mostra que pode gozarse todo o mes de maio na praza de Ourense da cidade de Pontevedra e que está comisariada polo crítico de música Pepe Cunha e pola xornalista Teresa Cuíñas.

Trátase dunha iniciativa transmedia, impulsada polo Concello de Pontevedra, que amosa a diversidade musical en galego e que, á vez, celebra a revolución musical no século XXI na Galiza.

Catorce paneis, listaxes en Spotify e YouTube e unha unidade didáctica, da autoría da escritora e profesora Rosalía Fernández Rial, permiten coñecer toda a variedade de estilos, formacións e solistas que compoñen o panorama musical en galego a día de hoxe.

Visita guiada

Para coñecer de primeira man a música en galego das dúas últimas décadas, a Concellaría de Normalización Lingüística organiza unha visita guiada a próxima terza feira, 25 de maio, con Pepe Cunha e Teresa Cuíñas, ás 19 horas ou ás 20 horas, con inscrición previa nesta ligazón.

A partir de setembro, a exposición adoptará formato itinerante para achegarse a centros de ensino, centros sociais e mesmo a outros concellos.

Pódese descargar a listaxe de reprodución en Spotify aquí, acceder á canle de Youtube con algúns vídeos de mostra aquí e descargar a unidade didáctica recomendada e o catálogo da exposición aquí.

Comentarios