"Hai que exixir que se cumpra a legalidade lingüística, non entrar en polémicas"

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, chámalle "recadeiro" de Feijóo a Alonso Montero mais rexeita entrar en "polémicas que non existen" co presidente da RAG.

IMG_0609
photo_camera Marcos Maceira [Imaxe SG]

Após as declaracións feitas polo presidente da RAG, Alonso Montero, nas que bate contra a Mesa pola Normalización Lingüística, desde a asociación aseguran que a súa implicación na defensa da lingua galega fica avalada pola "traxectoria" e "traballo" desenvolvido durante os seus 28 anos de existencia, afirmou en declaracións a Sermos Galiza o seu presidente Marcos Maceira. 

"Hai que criticar o goberno galego pola súa política lingüística, por non cumprir co mandato estatutario" e non entrar en "polémicas que non existen", sinalou. "Aí debería estar o foco de atención" mais "alá cada quen con quen se posiciona", acrecentou Maceira en resposta ao presidente da RAG de quen dixo é "recadeiro" do goberno de Feijóo. 

"Nós estamos coas persoas que queren vivir en galego", apuntou. "Temos tanto traballo por diante", dixo en relación aos dados do IGE que reflicten un grande descenso no número de falantes habituais en lingua galega, "que entrar en polémicas non ten sentido". 

O papel do goberno galego

Para o presidente da Mesa o que cómpre é "exixir que se cumpra a legalidade". Unha tarefa que corresponde ao goberno galego, a comezar polo líder do executivo, Alberto Núñez Feijóo, e o responsábel de Política Lingüística, Valentín García. Ambos os dous pronunciáronse a pasada semana a respeito dos dados publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e quitáronlle ferro ás estatísticas. 

A Mesa acusa a Xunta de querer "lavar as mans como Pilatos" fronte o proceso de substitución lingüística

Dunha banda, Feijóo responsabilizou "as familias" da queda no número de falantes e García afirmou que o estudo reflicte "máis cousas das que non se fala". Desde A Mesa acusan o presidente da Xunta de "lavar as mans como Pilatos" nunha situación lingüística que é "consecuencia das súas políticas". 

"Non cumpre a súa responsabilidade e anda a patadas coa lingua", denunciou Maceira, "aí están as leis promulgadas durante o seu goberno" como o decretazo, explicou. "Feijóo actuou sempre en contra do galego", sinalou, "o estudo corrobora que o decreto [70/2010] contribuíu ao proceso de substitución do galego". 

Segundo o presidente da Mesa, as afirmacións de Feijóo e máis de Valentín García reflicten que o executivo galego quere "tapar os ollos para facer que a realidade non existe" e iso, dixo, "non pode ser. Teñen que actuar". 

"Que fixo Política Lingüística para a normalización de usos do galego vaia adiante?", preguntouse. "Non fixo nada mais que botarlle a culpa a outros". Desde a Mesa amósanse "dispostos" a "asumir as responsabilidades que fagan falta" mesmo, sinalan, "o traballo que non desenvolve a Secretaría Xeral". Pois, din, "somos conscientes do apoio social importante" co que contan e "a el e á lingua galega nos debemos", concluíu. 

Comentarios