Alejandro Martínez, profesor de galego en Croacia: "Hai alumnado croata que fala galego mellor que moitos políticos"

Natural de Baiona mais afincado en Zadar, Croacia, Alejandro Martínez é profesor de galego nese país e o autor da primeira tese en lingua galega presentada nese territorio de Europa. 'Nós Diario' conversa con el sobre a tese e o galego no estranxeiro.
Alejandro Martínez, autor dunha tese en lingua galega publicada en Zadar, Croacia (Foto: Cedida).
photo_camera Alejandro Martínez, autor dunha tese en lingua galega publicada en Zadar, Croacia (Foto: Cedida).

—Como chega un natural de Baiona a Zadar (Croacia) e consegue publicar unha tese en lingua galega?
No ano 2016 presenteime a unha praza de lector de lingua galega no estranxeiro en seis destinos, finalmente escolléronme en Varsovia [Polonia] e Zadar [Croacia]. Decidín virme a Zadar e aquí estiven traballando tres anos de lector de galego.

É importante salientar que na universidade na cal estou hai alumnado que fai tres anos de lingua galega que poden ampliar en dous anos máis co mestrado e temos moitísimo alumnado interesado en estudar a nosa lingua. Ademais, teñen xa un nivel moi alto, un dos motivos polos que decidín escoller Zadar. No meu último ano de lector comecei a facer a tese até agora que a acabei. Foi unha oportunidade laboral que tiven fóra da Galiza pero na cal podía usar o galego e por iso decidín facela.

—Esta é a primeira tese publicada en galego en Croacia. De que trata?
Comecei a tese coa idea de mellorar a ensinanza do galego como lingua estranxeira en Croacia. Despois descubrín un tipo de fraseoloxismo que non se estaba tratando ben, entón ampliei a tese nese sentido. Ademais elaborei un dicionario trilingüe fraseolóxico de galego, español e croata.

—Ve posibilidades de levar o galego a outros sitios de Europa e do mundo a través das universidades?
Si. Eu mesmo conseguín varias bolsas para viaxar por diferentes países eslavos e dar unhas aulas de fraseoloxía nas cales incluín o galego. Estiven, por exemplo, na Universidade de Brno [República Checa], unha institución moi potente no ámbito das letras na cal teñen diferentes graos como Filoloxía catalá. 

Agora estou en conversas con xente desa universidade para dar cursos intensivos de galego e eu percibín moito interese por parte do alumnado en coñecer a lingua galega e achegarse a ela. Por desgraza, nestes momentos hai posibilidade de estudar en Brno todas as linguas que teñen algún tipo de oficialidade no Estado español excepto o galego, xa que non teñen convenio coa Xunta da Galiza.

Tamén a situación dos lectorados en lingua galega é bastante mellorábel nestes momentos. De todas as formas hai esperanza porque xa tiven algunha alumna que xa presentou o Traballo de Fin de Mestrado (TFM) sobre o galego.

—Fala da situación dos lectorados. Precisan máis apoio por parte das institucións?
Hai cousas a mellorar. Na miña opinión en canto ao orzamento non hai problema, o que eu vexo peor é que cada vez baixa máis o número de candidatos a facer estes lectorados. 

Digamos que os criterios de escolla dos candidatos non se corresponden coa situación actual, é preciso crear novos lectorados adaptados á realidade de hoxe en día. Moléstame bastante que houbo convocatorias ás que non se presentou ninguén e iso é un problema porque eu teño alumnado que leva cinco anos estudando galego, teñen un moi bo nivel e falan mellor que moitos políticos e persoeiros públicos galegos pero non poden presentarse ao lectorado porque teñen que ter o Celga 4 e a única maneira de sacalo é presencialmente na Galiza. 

—Hai posibilidades nun futuro de que se publique algunha outra investigación en galego nesa parte de Europa?
Teño algún estudante interesado na lingüística galega, polo que é posíbel que poida facer algunha tese en lingua galega. Se houber algún estudante que quere e pode, non vai ter ningún impedimento aquí. O único problema que habería é que é necesario buscar un mentor e un tribunal que sexa especialista na materia, mais eu estou disposto a facelo e podo axudar. Quen queira facelo non vai ter problema.

Comentarios