“Gústame o galego”, o fenómeno que contaxia o entusiasmo pola lingua

Máis de 5.000 persoas se retrataron co “Gústame o galego” que a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística botou a andar hai un ano. A dimensión da campaña en impactos na rede superou todas as expectativas e vén de valerlles o Premio Xoán Manuel Pintos de normalización, que recibe tamén a editorial Kalandraka polo seu labor continuado a prol da lingua. 

CTNL
photo_camera CTNL

“Gústame que nos pubs poñan música en galego”, “Gústame que me entren en galego”, “Gústame que me digan qrt m8”. Máis de 5.000 persoas pasaron polo photocall da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística para participar nunha campaña que conta xa con máis de 11.500 persoas seguidoras en facebook. Todo un fenómeno que vén de ser merecedor, canda a editorial Kalandraka, do Premio Xoán Manuel Pintos de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. 

A campaña das imaxes co cartaz rosa na que animosos lemas facían gala da afectividade coa lingua desbordou a previsión da   propia CTNL. Cúmprese agora un ano do seu nacemento na pasada edición do Culturgal mais, nin as fileiras que alí se montaron para retratarse gabándose da lingua facían augurar o que viría despois. Máis de cincuenta sesións e máis de 5.000 persoas retratadas cun impacto de dimensións insospeitadas nas redes sociais. O cartaz rosa fíxose popular e identifícase xa coa defensa e afectividade coa lingua. 

Durante o ano, as lendas foron aumentando e a esta altura máis de cincuenta, algunhas ben imaxinativas, contribuíron a darlle pulo á campaña. Neste tempo, a CTNL visitou centros de ensino e festas, desde Sarandón ao San Lucas de Mondoñedo, espazos de diversión e traballo, campamentos de verán e concellos, congresos e bares. Polo seu obxectivo pasaron moitas persoas famosas mais tamén moita rapazada, familias, políticas, artistas, camareir@s, fontaneir@s, feirantes... e un senfin diverso que contribuíu ao obxectivo da campaña, sumar apoios para a normalización lingüística. Boa parte deses milleiros de persoas non só posaron para o retrato senón que o difundiron a través de internet, converténdose en moitas ocasións na imaxe da súa presenza nas redes sociais. 

Onde podo retratarme?

A dimensión do efecto comunicativo da campaña é inmenso. Algunha das fotos foi compartida por máis de mil persoas e algún dos álbums foron vistos por máis de 20.000. O alcance da páxina de facebook chegou nalgunhas semanas a 70.000 persoas. Algunha imaxe superou a cifra de 100.000 visitas.

“O elemento distintivo que ten sobre a maioría de accións que se fan a prol da lingua é quen emite a mensaxe e a quen vai destinada. As campañas que se estaban a desenvolver descoidaban as mensaxes destinadas ás persoas, de quen depende realmente o futuro do galego e esta céntrase precisamente nelas. Buscouse que amosaran o seu apoio ao proceso de fomento do galego poñéndolle cara. Participan xornalistas que lle din aos camareiros que non lle traduzan o café con leite e camareiros que queren que pinchen no pub en galego... creouse unha cadea de xente normal que quere a súa lingua”, explica Nel Vidal, presidente de CTNL. 

O Celta, tamén no campo de fútbol

Durante este ano que a campaña leva facendo retratos polo país, as persoas promotoras detectaron unha grande receptividade cara a lingua. “As respostas foron extraordinarias. Deuse mesmo un proceso moi curioso. Ás veces algunha persoa subía a foto co lema do gústame o galego e aparecía xente comentando que falaba castelán ao que respondía que, a partir de agora, ía escribir en galego. Foi unha saída do armario lingüístico para moita xente”, relata Vidal. Comprobaron tamén a eficacia cando unha persoa publica, no marco da campaña, as instrucións para usar o facebook en galego. “Durante dez días aparecían múltiples mensaxes indicando as persoas que comezaban a suar o facebook en galego”, di. 

O impacto da campaña levou a que non só o equipo se desprazase a máis de cincuenta puntos senón tamén a que moitas persoas buscasen a maneira de poder ter a foto na que se gaba da súa lingua. “Hai xente que está a agardar para se facer a foto, que quere ter a foto do “gústame o galego” e diríxese a nós solicitándoa”, explica Nel Vidal. 

O impacto forte nas redes sociais viuse incrementado cando o Celta se sumou ao completo á campaña. “Que un equipo de primeira faga unha campaña pola lingua é un acontecemento, de maior dimensión aínda cando todos os xogadores a nivel individual quixeron sumarse e tamén participaron directivos, técnicos, ou o propio adestrador. A visibilización foi inmensa e aínda segue a ser porque en cada partido proxectan varias imaxes de xogadores participando na campaña”, explica o presidente da CTNL dunha campaña que recibiu parabéns e pola que se interesaron tamén máis alá das nosas fronteiras.

 

Comentarios