xoves 24/09/20

O 'gromo epidémico' adía o reencontro coa fala de tradición galego-portuguesa

A escolla da RAG da palabra gromo no canto de brote fronte a alternativa surto reabriu o debate sobre o achegamento da lingua galega á lusofonía, nun contexto de crise sanitaria que se presta á popularización de novos tecnicismos.
Reencontro de dúas persoas durante un verán de novos focos de coronavirus (Europa Press).
Reencontro de dúas persoas durante un verán de novos focos de coronavirus (Europa Press).

Despois de varios meses de discusión, a Real Academia Galega (RAG) decidiu incorporar unha nova acepción da palabra gromo e, así, recomendar esta voz no canto de brote, o termo que desde antes da chegada do novo coronovirus e moi especialmente desde a propagación da epidemia da Covid-19 viñamos empregando para nos referir á "aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar"

Segundo Manuel González, coordinador do Seminario de Lexicografía, encargado de debater a oportunidade dunha opción fronte a outras posíbeis, "optouse por gromo porque era a palabra historicamente máis antiga que había para denominar ese concepto, aplicado á botánica, documentado xa desde a época medieval; un termo que   desde o punto de vista semántico se adapta perfectamente ao significado que se buscaba, xa que responde á idea de brote, que ademais, pola súa conformación fonotáctica permite a creación de derivados dunha maneira moi fácil".

 González recoñece que se antes da escolla final se desbotaron distintas motivacións, "ao final  quedaron dúas: a idea de emerxer, de brotar de abaixo para arriba, que subxace no portugués surto, e a imaxe de xermolar dunha planta". Calquera das dúas valía, explica, "mais eliximos a segunda porque a palabra surto non ten sentido ningún xa que nunca existiu no galego. En caso de botar man desa idea a nosa denominación tería que ser xurdimento", unha palabra cargada xa de moitos significados pola que finamente non se inclinaron. Desta forma escolleron a segunda idea, e de entre todas as opcións -abrocho, abrollo, rebento- elixiron gromo.

A defensa de surto

Desde a Associaçom Galega da Língua (AGAL), malia entender a posición lingüística da RAG que a leva a defender a independencia do galego e polo tanto palabras propias do noso idioma "que talvez non existan no mundo lusófono", defenden que non ten sentido "facer novas creacións para distanciarse dese mundo, sobre todo cando os propios principios da RAG, aprobados en 2003, recomendan atender aos recursos do portugués para as escollas técnicas", apunta Eduardo Maragoto.


Para o presidente da AGAL, gromo é unha palabra galega e portuguesa con valor botánico mais non con valor médico nin epidemiolóxico. "Neste sentido é unha invención que se fai contra unha palabra estendida socialmente, que vén do castelán -brote-, e contra outra procedente do portugués -surto- que comezaba a estenderse socialmente a partir de ámbitos reintegracionistas.

Insisten desde a AGAL que non teñen ningún problema coa palabra gromo nin gomo, "que coincide co portugués e que tamén existe en castelán", polo que a escolla da RAG "non é especialmente xenuína para substituír a palabra brote, que tamén está nos dicionarios galegos. Quíxose marcar a diferenza co castelán formalmente mais, polo que parece, coa intención final de distanciarse do portugués", afirma Maragoto, quen defende o valor de recorrer ao portugués "non por teima" senón para evitar que palabras como surto "fiquen illadas, desprotexidas", sen  presenza nos dicionarios, sen ferramentas de tradución, sen posibilidade de socialización", conclúe.

"O portugués será considerado recurso fundamental"

As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, cuxo texto revisado foi aprobado pola Real Academia Galega en 2003, atenden catro principios fundamentais. Os defensores de surto no canto de gromo exhiben o cuarto na súa defensa. "As escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas, especialmente coas romances en xeral e coa portuguesa en particular, evitando que o galego adopte solucións insolidarias e unilaterais naqueles aspectos comúns a todas elas. Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta opción non for contraria ás características estruturais do galego". Un argumento que para a RAG tería sentido se se tratase de "tecnicismos novos para os que a lingua propia non ten unha solución".

O 'gromo epidémico' adía o reencontro coa fala de tradición galego-portuguesa
comentarios