Grande acollida do curso de galego de Nós Diario, que volve esta terza feira

'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos.

curso galego
photo_camera O curso torna esta terza feira, centrándose nas 'Interferencias verbais'.

Esta terza feira volve o 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma', da man de Nós Diario e nas catro páxinas centrais do xornal impreso. Como na semana pasada, cando esta iniciativa de Sermos Galiza S.A.como empresa e Nós Diario como cabeceira botou a andar. Un traballo que conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

As cinco primeiras leccións deste curso tiveron unha grande acollida entre as lectoras, e non só delas. Do interese polo curso dá conta o número de consultas recibidas, así como as visitas na páxina web de Nós Diario ás novas referidas a esta iniciativa.

Nas primeiras leccións tratáronse temas como os castelanismos, a cuestión de xénero ou os hiperenxebrismos. A partir de mañá, 12 de maio, continuará con novas leccións dirixidas a todas as lectoras e nas que se debullan aspectos fundamentais relacionados co léxico, coa gramática, coa pronuncia ou coa ortografía; que teñen por obxectivo afianzar a calidade do galego que empregamos. A nova lección, esta terza, centrarase nas interferencias verbais

Un curso para todos os públicos

Mais non é este un curso de sociolingüística, aínda que se utilice por veces terminoloxía desta ciencia. Trátase dun curso que se sitúa fronte aos usos máis habituais de todas e cada unha das persoas que empregan o galego quer na comunicación habitual quer en contadas ocasións e que teñen como meta coñecer e usar o amplo repertorio de formas de que a lingua dispón para cada situación de comunicación.

Ao longo do curso inclúense numerosos enlaces externos a vídeos, dicionarios e páxinas web mediante códigos QR co fin de introducir algúns exemplos a máis que non teñen cabida nas catro páxinas do caderno e que contribuirán a fornecer as lectoras e lectores de máis materiais.

Os 15 temas de que consta

Castelanismos, Cuestión de xénero, Pronunciarmos sen complexos, Uso e abuso dos pronomes, Interferencias lexicais, Interferencias sintácticas, Ortografía, Articuladores discursivos, De preferencia, Sen abusar, Falar e escribir ben, Futuro de subxuntivo, Fraseoloxía I e Fraseoloxía II son os temas en que se divide o curso, cuxo fío condutor son as interferencias lingüísticas, especialmente presentes nalgúns ámbitos e que teñen como consecuencia a deturpación da lingua propia e poden resultar moi negativas para a súa supervivencia.

A iniciativa quer contribuír a mellorar o uso e a calidade do noso idioma, así como a axudar a corrixir aquelas interferencias que dificultan o asentamento do estándar lingüístico.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

Comentarios