O goberno vasco investirá en 2015 case sete veces máis no euskera que a Xunta no galego

A viceconsellaría de Política Lingüística de Euskadi gastará 45,6 millóns no fomento da lingua propia, cifra moi superior aos 6,7 millóns que presupostou a Xunta de Feijóo a pesar da histórica xeira negativa que vive o idioma de Galiza.

galego

Case sete veces menos. Esa é diferenza orzamentaria entre o investimento en política lingüística do PNV ao fronte do Goberno da Comunidade Autonóma Vasca -onde o uso do euskera está en ascenso- e o do PP na Xunta de Galiza, onde recentes enquisas sitúan a lingua propia en mínimos históricos. 

Segundo os datos ofrecidos esta mesma semana pola viceconsellaría de Política Lingüística de Euskadi, será de 45,6 millóns de euros a partida destinada o vindeiro ano ao fomento do euskera. Pola súa parte, segundo recoñeceu o propio conselleiro de Cultura e Educación no Parlamento galego a finais de outubro, a Xunta só investirá 6,7 millóns en 2015 na promoción do galego. A diferenza resulta evidente. Euskadi multiplica o presuposto galego case por sete. E, segundo as enquisas, obtén resultados. Na actualidade, un 37 por cento dos habitantes de Euskal Herria afirman coñecer e poder usar a lingua do seu país, o que significa unha suba de máis de 25 puntos nas últimas tres décadas.

O euskera vive un ascenso histórico case idéntico ao descenso que sofre o galego

O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Patxi Baztarrika, destacou de cara a 2015 que "é prioritario seguir avanzando no coñecemento e capacitación da cidadanía no que ao euskera se refire, así como facilitar a aprendizaxe da lingua". Entre as partidas, destacan os 4,8 millóns de axudas ao uso do idioma nos medios de comunicación, ben como os 11 millóns ás escolas municipais. Baztarrika subliñou que os 45,6 millóns supoñen "un gran esforzo" pero que estas cantidades non se entenden como un gasto, "senón que son un investimento" e tamén resaltou que “chegar á mocidade” é o principal obxectivo destas cantidades. 

O PP rebaixou as partidas para fomento da lingua en 13 millóns desde que recuperou a Xunta

Pola súa parte, desde a Xunta que preside Núñez Feijóo -que recortou a presenza do galego no Ensino- a maior parte dos 6,7 millóns destinados a lingua irán -segundo dixo o conselleiro Jesús Vázquez- “á actividade da Rede de Dinamización Lingüística en máis de 160 concellos e aos convenios coa RAG, Consello da Cultura Galega, Instituto da Lingua Galega, Centro Ramón Piñeiro, fundacións e demais entidades que traballan a prol da lingua”. Desde que chegou ao poder en 2009, o actual goberno autonómico do PP en Galiza reduciu en case 13 millóns de euros os cartos destinados á promoción do galego, até baixar aos 6,7 millóns actuais.

Comentarios