O Goberno estatal volve ignorar o galego en San Xoán de Río

O Concello de San Xoán de Río aspira a unha axuda da Administración Estatal que se pode ver frustrada polo uso da lingua. O Goberno local debe reenviar parte da documentación oficial en castelán se quere ter opcións de recibir unha subvención para renovar o alumeado. Non é a primeira vez que desoe o galego.
san xoan de rio
photo_camera Andaina da veciñanza pola contorna de San Xoán de Río (Asociación Cultural Río Mola).

O Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, pídelle ao Concello de San Xoán de Río, na comarca de Terra de Trives, que emende parte da documentación presentada ante o seu organismo para poder acceder a unha axuda destinada a renovar o alumeado público. O escrito ao que se refire está en galego e contén a certificación do acordo plenario exixida para optar ao programa de axudas para a renovación das instalacións do alumeado exterior municipal.

"O pleno faise en galego e así llo trasladamos ao IDAE", recoñece a Nós Diario o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua. "Agora temos 15 días para rectificar e presentarlle a documentación que nos reclaman en castelán".

O Goberno local e a secretaria do Concello teñen previsto estudar esta mañá a solicitude de rectificación do IDAE para manter as súas opcións de acceder a perto de 900.000 euros en axudas para a remuda do alumeado actual por luces led de baixo consumo.

Non é a primeira vez

"Dáse o caso de que formalizamos até seis solicitudes e de que nos chegaron outros tantos avisos de corrección", sinala Pérez Blecua, quen se laia, ademais, de que desde o organismo estatal muden o topónimo oficial de San Xoán de Río e Ourense polas formas deturpadas San Juan de Río e Orense.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística denuncian un "desprezo reiterado" por parte do Goberno estatal. "Non é a primeira vez que o IDAE deixa 'sen luz' miles de veciñas porque a Administración local usa a súa lingua oficial", afirma Marcos Maceira. Sucedeu en 2016. Negoulles unha axuda aos Concellos de Teo, Compostela e Santa Comba ao incluíren un documento da solicitude en galego. "O Goberno ten que actuar e eliminar as persoas galegófobas da Administración, ademais de condenar un xesto de desprezo, coacción e chantaxe", di o presidente da Mesa. 

Comentarios