O goberno español pagará o ensino en castelán, na privada, a 4 familias galegas

As súas solicitudes foron aceptadas polo Ministerio de Educación xunto con outras 31 doutros territorios.

O número total de solicitudes rexistradas ascende a 293 no conxunto do Estado español. De elas, 4 refírense a familias galegas que demandaron do Goberno español axudas económicas para escolarizaren as súas crianzas en colexios privados nos que as aulas se imparten en castelán. Estas persoas acolléronse á partida orzamentaria creada por José Ignacio Wert para "compensar", dixo o ministro, o alumnado que quere como lingua vehicular no ensino o español. 

Segundo os dados recollidos pola axencia EFE as solicitudes pertencen a aqueles territorios con lingua co-oficial e, entre elas, atópanse os casos de 4 familias galegas. A información foi coñecida após unha pregunta parlamentar presentada por UPyD e que foi respostada por escrito desde o Ministerio de Educación. 

O Ministerio pagará axudas de máis de 6 mil euros anuais para financiar o ensino na privada a alumnado que desexe como lingua vehicular o español

Madrid deu conta, desta maneira, da evolución dos procesos de tramitación das devanditas solicitudes. Neste senso, foron aprobadas até o momento 35. A maior parte na Comunidade Valenciana (25), Galiza (4), Illes Balears (3) e Catalunya (3). Aliás, 256 atópanse aínda en fase de "borrador", aínda non foron confirmados os dados rexistrados electronicamente pol@s solicitantes. 

A comezos de 2014, o Ministerio de Educación anunciou que aprobarían unha partida orzamentaria dun máximo de 6.057 euros anuais para financiar os estudos daquel alumnado que desexar como lingua vehicular o español. Estes estudos impartiríanse na escola privada e, de acordo coas explicacións proporcionadas polo propio ministro naquela altura, de superar os máis de 6 mil euros de axuda pública --coas debidas xustificacións-- sería o goberno autonómico do respectivo territorio quen asumiría o sobre-custe. 

"Fanatismo"

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística o seu presidente, Marcos Maceira, asegura que as cifras evidencian a "absolutísima maioría social que quere o gaego e que se recoñeza o dereito a estudar nesta lingua". Así as cousas, acrecenta, "iso dá conta da política lingüística do Partido Popular" e do "fanatismo duns poucos". 

En conversa con Sermos Galiza, Maceira subliña que "mentres aos demais se nos impón o decretazo e a LOMCE" e "se nos nega o dreito a un ensino en galego por lei" o goberno español "financia con cartos públicos o desexo de catro familias a ignoraren o coñecemento do galego". "É fanatismo absoluto", subliña. 

Comentarios