O Goberno español nega o dereito d@s galeg@s a se expresaren na súa lingua fóra de Galiza

En resposta a unha pregunta formulada polo BNG no Congreso español, o executivo sinala que a lingua propia só será válida en documentos que se dirixan a organismos con presenza no territorio galego e ampara o rexeitamento daquelas que se dirixan en galego a organismos españois. 

O Correlingua polas ruas de Vigo
photo_camera O Correlingua polas ruas de Vigo

A resposta achegada polo Goberno español ás deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, deixa claro que o executivo de Mariano Rajoy non admitirá o uso das linguas propias para alén das fronteiras dos seus respectivos territorios. Para Madrid, o uso do galego --mais tamén do catalán ou o basco-- fóra de Galiza, Euskal Herria ou os Països Catalans non é válido. 

Así o explica nunha resposta enviada por escrito ás representantes do Bloque nas Cortes cando se fixeron eco das queixas presentadas por estudantes aos que lles foran rexeitadas solicitudes de bolsas pre-doutorais por estaren redixidas en galego. Segundo o executivo español a lingua galega non poderá ser empregada neste tipo de procedementos administrativos se os organismos aos que se dirixen se atopan fóra do territorio autónomo. 

Aliás, coida que esta decisión non constitúe unha discriminación lingúística "dado que o procedemento administrativo ten a súa sede fóra de Galiza". Segundo o goberno español "non poden aplicarse regras diferentes segundo os solicitantes" polo que as solicitudes deben ser presentadas "en español ou inglés" mais non en galego, euskera ou catalán. 

Comentarios