O goberno español nega unha bolsa a unha estudante por entregar o certificado de estudos co ''defecto'' de estar en galego

O Ministerio de Economía respóndelle á estudante da USC que a súa documentación ten un “defecto”: está en galego, e que o goberno só acepta escritos ''en español o en inglés''. En estados como México ou Arxentina eses certificados en galego estanse a aceptar sen problemas.

O Goberno español non acepta na práctica a documentación expedida en galego polas universidades do noso país. Esta é a realidade que conta unha estudante da Universidade de Compostela que se dirixiu á Mesa pola Normalización Lingüística despois de que o Ministerio de Economía lle negase unha bolsa pre-doutoral, afirma a entidade, “co argumento de que non entendían o certificado de estudos en galego”.

Desde A Mesa chaman á atención á resposta que lle enviou a esta moza a Subdirección Xeral de Recursos Humanos para a Investigación do Ministerio de Economía e Competitividade. Nela dinlle que o certificado de estudos non é válido por un “defecto”, que é que está en galego,  cando tal documentación “só sería válida en español ou, curiosamente, en inglés, idioma que non é oficial nin en Galiza nin no conxunto do Estado español”.

"Non hai peor xordo que o que non quere ouvir"

Carlos Callón, presidente da Mesa, considera que “non hai peor xordo que o que non quere ouvir”, pois “é evidente que un documento así en galego é perfectamente comprensíbel para calquera persoa alfabetizada nunha lingua tan próxima como o español: hai un texto moi escaso cos nomes das materias, unhas cifras, un parágrafo estandarizado de acordo co estipulado pola Lei estatal... En fin, que o problema non é comprender, senón non querer comprender e tentarnos escarmentar con castigos como este por mantermos viva a nosa lingua”.

Callón: "Este comportamento só se dá nos ministerios españois. Nos doutros países hispanófonos non hai esa hostilidade co galego"

Callón afirma, ademais, que estes problemas á hora de dicir que non se comprende o galego “só se observan nos ministerios españois”, non noutros ministerios de estados hispanófonos onde non hai hostilidade cara o galego. “Sabemos de casos de xente que presentou documentación en galego en países como Arxentina ou México e que non lles solicitaron ningunha tradución, que dicían que a entendían e que por tanto era válida e non facía falta ningunha tradución”, explica.

Excluída do proceso

A alumna presentou unha alegación indicando que o galego é unha lingua oficial, e que segundo a lexislación aplicábel é a propia administración quen se debe encargar de traducir os documentos dun expediente redactados nunha lingua cooficial distinta do castelán cando teñan que surtir efectos fóra do seu territorio. Porén esta alegación non foi atendida e a alumna ficou excluída do proceso.

Comentarios