O Goberno bretón aproba unha axuda extra de 200.000 euros para as escolas de inmersión en lingua bretoa

A rede 'diwan' está composta por medio cento de centros. 
Diwan escolas bretón bretaña breizh (Diwan)
photo_camera Unha aula nunha Diwan (Foto: Diwan)

‘Diwan’, semente en bretón, é a rede de escolas de ensino con inmersión lingüística en bretón. A primeira abriu en maio de 1977 con 5 alumnos. Foi en Gwitalmeze, unha pequena vila mariñeira de pouco máis de 6.000 habitantes, situada no departamento do Fisterre. Hoxe son medio cento de centros por toda Bretaña e camiñan cara aos 5.000 alumnos e alumnas

A pandemia do corionavirus está a bater con dureza en iniciativas como Diwan, que teñen nas achegas populares boa parte do seu financiamento. Un diñeiro que consiguen a través de actividades como concertos, xantares populares, festivais, ou mesmo a Redadeg, a carreira pola lingua bretona, adiada para 2021.

Porén, os ingresos diminúen mais seguen presentes gastos para estas escolas asociadas onde a educación se imparte en lingua bretoa: alugueres, salarios do persoal....

O resultado, indican desde ‘Nacións’: necesítanse 530.000 euros para completar o orzamento da rede este ano, segundo explica Lena Louarn, vicepresidenta da Bretaña encargada de lingua. Por iso, o Consello Rexional anuncia axudas excepcionais: 200.000 euros para axudar á rede Diwan.

O inicio desta rede está nun grupo de persoas comprometidas co idioma. Nunha reportaxe de Le Telegramme, unha desas pioneiras, Anna Vari Chapalain, explica que cando tiveron a idea de crear escolas en bretón o primeiro foi mirar o que se facía noutros sitos, como Euskal Herria e Gales.

Apostaron polo proxecto “con moitas gañas” malia que, lembra, entre os partidarios do bretón “non todos estaban de acordo con nós, crían que para impulsar unha escola así a lingua debía estar nunha mellor situación”.

Porén, explica Chapalain, “Nós opinabamos o contrario: a lingua precisaba dos máis novos para avanzar”. E iso, superando dificultades materiais, económicas e da propia lexislación francesa. “Loitamos moito tempo pola obtención dun recoñecemento”.

En 2001, o Consello de Estado bloqueou o proceso de integración destas escolas apelando a unha lei de 1994 na que se establecía que “o francés é a lingua da educación”. A pesar disto, as Diwan non perden folgos nin enerxía e seguen adiante.

Comentarios