Galpóns, alpendres e pendellos

Un leitor de Sermos Galiza, a propósito da utilización da palabra galpón nun artigo deste  xornal dixital, fai un comentario sobre a non conveniencia de empregar esta palabra, por proceder do español, e propón usar alpendre.

Galpón
photo_camera Alto do Couso, Ribeira de Piquín [Imaxe O.RODIL]

Galpón


Por que usar galpón? Primeiro porque a palabra é de uso habitual no portugués, especialmente no Brasil (galpão de viação, galpão de ordenha, galpão para aviões (hangar) e mesmo galpão de lona). E segundo porque sendo case seguro que a palabra chegou á Galiza e ao galego desde o español, iso non leva a que, necesariamente, sexa palabra de orixe castellana. De feito, non é e hai case coincidencia en sinalar galpón como un americanismo, similar a pataca, tabaco ou tomate. A palabra procedería de linguas faladas no territorio do que hoxe é México desde onde se estendería a toda América do Sul e de aí á Península. Iso explicaría a presenza da palabra no portugués, especialmente no Brasil, co significado de “construção coberta pelo menos por três de suas faces, na altura total ou em parte dela, por paredes ou tapumes, e destinada a fins industriais ou a depósito, mas não à habitação” como podemos ler no  Dicionário Aurélio. En xeral nos dicionarios portugueses a palabra aparece como usada especialmente no Brasil, aínda que non é descoñecido noutras partes o seu uso, e como sinónimo de alpendre unhas veces e de estábulo outras, caracterizándose por ser “construção coberta por telha, palha ou folha de zinco, geralmente sem parede num dos lados, destinada a armazenar material, maquinaria, etc.”. En todo o caso é presentada sempre como unha construción independente, non encostada a ningunha outra construción.

Sendo case seguro que a palabra "galpón" chegou á Galiza e ao galego desde o español, iso non leva a que, necesariamente, sexa palabra de orixe castellana. De feito, non é

O dicionario da RAG recolle como forma incorrecta galpón e aconsella pendello, forma da que dá como sinónimos: alboio, alpendre, cabanel, caustra, chapitel, cuberto, sobeira. Nos restantes dicionarios galegos a palabra non aparece.

Alpendre
Segundo parece a palabra procedería do latín appendere, co significado de colgar e faría referencia a un pequeno tellado, sostido por columnas ou postes que fai a función de pórtico. Neste sentido recólleo Sarmiento: “En Galicia es muy usado llamar alpendres a los techos o cobertizos que están pegados a las iglesias o hermitas, y también llaman atrios” Tamén nun anónimo de 1845 se fala de alpendre como “Especie de atrio, sotechado, o pórtico, que delante de la puerta de casa hay en Galicia, en particular en las casas de labradores en el campo” e  F. J Rodríguez: “Es el cubertizo levantado á la puerta de las casas y otros edificios, para guarecerse de la agua o guardar algun utensilio” Nesta liña mantéñense todos os dicionarios galegos que recollen a palabra alpendre.
É tamén con este valor como aparece a palabra alpendre en documentos medievais (en Mondoñedo 1348: en presença de min … notario publico da iglesia de Mendonnedo et testemoyas subscriptas en Villamayor enno alpendre das casas do bispo aa sayda da prima seendo juntados en cabidoo por canpaa taniuda commo he de costume… ) mentres que a palabra galpón aparece por vez primeira en documentos españois no século XVI. Na Galiza é por volta de 1860 cando aparece a palabra na imprensa.

Do dito anteriormente parece deducirse que existe unha certa especialización que permite diferenciar dunha parte unha construción que se mostra como independente e con diferentes usos (galpón) de outra que aparece arrimada a unha construción da cal é dependente (alpendre). Unha é unha palabra de introdución recente na lingua, mais non un castelanismo, aínda que con certeza chegou a nós desde o castelán. A outra é unha palabra tradicional e como tal mesmo ten presenza na toponimia: Os Alpendres da Feira (en Darbo, Cangas), construción feiral de planta rectangular que delimita polo Sur o adro da igrexa e cuxos usos feirais coincidirían cos de Os Pendellos de Agolada,  construídos no século XVIII para uso específico como mercado. Tamén en Portugal, no distrito da Guarda, Concello de Almeida achamos Os Alpendres de Feira, de aparencia máis próxima a Os Pendellos de Agolada do que a Os Alpendres da Feira de Darbo.

As liñas que preceden non pretenden ter ningún valor prescritivo mais, con todo, debo indicar que non me parece equivocado usar galpón e manter diferenciados os valores de alpendre e galpón, neste caso estendendo a denominación para as construcións de tipo industrial que se usan como lugar de armacenamento, taller, etc.
 

Comentarios