Representada por Pilar García Negro

Galiza fai parte do Protocolo de Donostia para o exercicio dos dereitos lingüísticos

Promover medidas efectivas para o exercicio dos dereitos lingüísticos das persoas utentes dos idiomas minorizados, como o galego. Ese é o obxectivo do Protoloco de Donosti, cuxo comité científico se reuniu esta terza e cuarta feira na cidade vasca. Galiza estivo representada pola profesora Pilar García Negro.

protokoloa batzorde zientifikoa

Durante a primavera e o verán, o Comité Científico do Protocolo de Donostia foi recebendo distintas achegas de diferentes "axentes" de toda Europa, contributos que este órgao avaliou nunha reunión que decorreu na cidade guipuscoá durante esta terza e cuarta feira.

A partir desas achegas, o Comité Científico elaborou unha listaxe de medidas a desenvolver en cada un dos sete ámbitos que vertebran a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. A saber: Principios Xerais; Administración e Institucións; Educación; Ámbito Socioeconómico; Onomástica; Medios de Comunicación; Novas Tecnoloxías e cultural.

Son propostas que, de se materializaren, garantirían o pleno exercicio dos dereitos lingüísticos dos utentes de idiomas que, como o galego, están por conquistar a súa completa normalización.

O Protocolo impulsa medidas para garantiren os dereitos das persoas utentes de linguas minorizadas

O Protocolo de Donostia é unha iniciativa promovida por un Comité Organizador do que fan parte entidades como CIEMEN, Lingupax Internacional, UNPO, Pen Internacional, ELEN e ECMI. Ese órgao foi o encarregado de designar os membros do Comité Científico. Entre eles, e en representación da Galiza, está a profesora da UDC, socia da Mesa pola Normalización Lingüística e colaboradora de Sermos Galiza, Pilar García Negro.

Aliás, García Negro foi no seu día unha das redactoras da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e no comité científico achega a súa especialidade en materia de sociolingüística e dereitos das persoas utentes de linguas minorizadas.

Canda Pilar García Negro fan parte deste comité científico Alexandra Büchler, da Executiva da Asociación de Tradutores do Reino Unido; Robert Dunbar, experto en gaélico escocés e profesor da Universidade de Edimburgo; Ewa Chylinski, directora do Centro Europeu para as cuestións relacionadas coas minorías; Johan Häggman, ex asesor da Oficina Europea Linguas Minorizadas; Elin Haf Gruffydd Jones, profesora de Medios de Comunicación e Industrias Creativas na Universidade de Aberystwyth; Davyth Hicks, secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade entre as linguas; Iñaki Martínez de Luna, responsábel do gabinete de Prospeccións Sociolóxicas do Goberno vasco; Conchur Ó Giollagáin, profesor de investigación gaélica na Universidade das Highlands; Miquel Strubell, ex director da cátedra de multilingüismo Linguamón-UOC; Ferran Suay, doutor en psicoloxía e membro da entidade Acció Cultural do País Valenciá; Íñigo Urrutia, profesor de Dereito Administrativo na Universidade do País Vasco, a súa tese de doutoramento leva por título Dereitos Lingüísticos e sistema educativo; Fernand de Varennes, unha autoridade mundial en dereitos humanos das minorías étnicas; Jaume Vernet, membro do Consello de Garantías Estatutarias de Catalunya; Durk Gorter, ex catedrático en sociolingüística do frisio na Universidade de Amsterdam.

O Protocolo de Donostia realizará un acto de apresentación dos seus traballos o 17 de decembro no Palacio de Congresos do Kursaal, na cidade vasca.

Comentarios