A Galiza, Euskal Herria e Catalunya Nord reivindican o ensino nas linguas propias

O vindeiro sábado, 11 de xuño, Compostela acolle un Galeusca pola diversidade lingüística e cultural no ámbito educativo. Representantes das Escolas Semente (A Galiza), Ikastolen Elkartea (Euskal Herria) e La Bressola (Catalunya Nord) xuntaranse no Museo do Pobo Galego para reivindicar o fin das restricións lingüísticas nos tres territorios.
Alumnado da escola de ensino galego Semente Compostela, nunha actividade ao aire libre o pasado mes de maio.
photo_camera Alumnado da escola de ensino galego Semente Compostela, nunha actividade ao aire libre o pasado mes de maio.

O encontro destas tres entidades rememora un achegamento histórico, afirma o coordinador das escolas de ensino galego Semente, Sánti Quiroga. "Somos todas iniciativas populares promotoras dun ensino democrático, laico e renovador, centrado nas respectivas realidades nacionais. Partillamos unha situación moi semellante. Atopámonos con 'políticas glotofóbicas' negativas para as nosas linguas fronte ás que a sociedade se organiza para facer efectivos os nosos dereitos lingüísticos e culturais". 

O próximo sábado encontraranse no Museo do Pobo Galego para facer unha declaración conxunta e reivindicar o dereito ao ensino nas linguas propias. Un dereito "inalienábel" que exixe, din, a eliminación de todas as restricións lingüísticas no ámbito educativo "que limitan as oportunidades das futuras xeracións galegas, vascas e catalás". Neste sentido, resaltan a importancia da diversidade cultural como "parte fundamental da base para un desenvolvemento curricular propio".

Inxerencia e involución

Semente, Ikastolen Elkartea e La Bressola concordan en que o momento actual das linguas  galega, éuscara e catalá exixe un paso adiante fronte aos ataques continuados que están a recibir. Así, denuncian o "incumprimento sistemático da Carta Europea de Linguas Minorizadas por parte dos poderes lexislativos e xudiciais tanto do Estado español como do francés, polo que urxen facela efectiva de forma íntegra co fin de  garantir a "protección e difusión do noso patrimonio lingüístico e cultural".

Afondan, sobre todo, na inxerencia dos tribunais na planificación lingüística educativa, unha involución "inadmisíbel", que restrinxe a aplicación de modelos plurilingües inmersivos, autocentrados e de recoñecido prestixio internacional".

Malia que a experiencia das tres entidades é diferente e contan cun percorrido específico, reivindican por xunto "a construción dunha soberanía educativa plena" en cada unha das nacións de referencia.

Perda de falantes

Desde Iparralde, Koldo Tellitu, lehendakari de Ikastolen Elkartea, denuncia, en conversa telefónica con Nós Diario, "un ataque sostido no último ano por parte do Constitucional francés e do Goberno de Macron para dificultar a implantación dun modelo de inmersión lingüística" que consideran imprescindíbel para a normalización do éuscaro no sistema educativo.

No caso do galego e do catalán tamén recoñece interferencias pouco alentadoras que restrinxen o uso das linguas propias nas escolas en favor do castelán. "Por iso é importante que nos xuntemos, reflexionemos e nos pronunciemos de forma conxunta como están a facer outros axentes en defensa da lingua".

O seu proxecto suma 113 Ikastolas, 60.000 alumnos e alumnas e 6.000 persoas traballadoras en Euskal Herría. "Somos un movemento cun modelo educativo propio, transformador, popular, nacido do pobo e cuxo obxectivo é o pobo; moi centrado no éuscaro e na cultura vasca".

Ao igual que na Galiza e en Catalunya, afirma Tellitu, "estamos a constatar un descenso no uso e coñecemento do éuscaro no sistema educativo vasco. A Lei que ten que chegar o ano que vén en Euskadi, despois do pacto educativo, é unha oportunidade moi importante para darlle a volta á situación".

Escolas diversas

Na Catalunya Nord, La Bressola acolle máis dun millar de Crianzas de 2 a 11 anos en "aulas verticais". O proxecto, confirma Eva Bertrana desde Perpignan, naceu en 1976 ante a constatación dunha redución do uso do catalán entre a poboación. "Baséase unicamente na recuperación da lingua e da cultura catalás". Atribúe o éxito ao compromiso do equipo pedagóxico, "mais necesitamos que a lingua sexa recoñecida e promovida dunha vez por todas fóra das escolas, e para iso precisamos unha política lingüística real".

Sobre o encontro deste sábado en Compostela, di, "é a constatación de que non estamos soas. Non somos indios encerrados na súa propia reserva. Mais dependemos de estados centralistas con medo á diferenza, á diversidade cando o único que reivindicamos é poder ser o que somos en cada territorio". 

A escola, axente desgaleguizador

A Semente ensina por volta de 150 crianzas nos centros de Lugo, A Coruña, trasancos, Compostela e Vigo. Ademais, "un grupo impulsor en Ourense abrirá proximamente un escola na cidade", avanza Quiroga. "A nós chegan moitas familias que non tiñan pensado usar a lingua galega como a lingua inicial de crianza pero que concordan co noso proxecto pedagóxico, e ao coñecelo, ao ver o valor do multilingüismo, deciden comezar a educar en galego".

A Semente chega a familias convencidas, pero tamén diversas, moitas delas fartas das "políticas hostís cara o galego no ensino público". Neste sentido, lembra Sánti Quiroga, "o seminario de Sociolingüística da RAG di que cada tres crianzas que entran no sistema educativo público falndo en galego, dúas saen falando en castelan que fai da escola un axente desgaleguizador".

A iniciativa popular, conclúe, é moi importante para reverter esta situación mais Quiroga tamén avoga por reorientar o ensino galego, porque "defendemos o noso proxectos pero tamén o ensino público, para non restarlle oportunidades ás próximas xeración.


 

Comentarios