Galipedia e Pirilampo gañan o Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua da Deputación da Coruña

pirilampo
photo_camera Pirilampo

O Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña recaeu na súa novena edición na Galipedia - na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega- e no grupo musical Pirilampo  na modalidade que premia proxectos ou iniciativas que traballan cos tramos máis novos de poboación. 

O xurado estimou que o grupo Pirilampo merece o Rosalía de Castro "pola súa traxectoria consolidada no tempo de transmisión da lingua entre a xente miúda coa implicación das familias e das escolas". Destaca tamén o seu labor de "achegar á infancia á realidade máis próxima dun xeito positivo, lúdico, moderno e divertido".  

A respecto da Galipedia, destaca a súa condición de ser "un proxecto dinámico, amplo e en constante actualización que chega e implica a moitos e diversos sectores da poboación e que promove a visibilización e o prestixio da nosa lingua, tanto dentro como fóra de Galiza".  Valoran tamén que sexa un "proxecto colaborativo, aberto á participación e caracterizado pola diversidade (xeográfica, de idade, de intereses, de xénero...) ademais de "contribuír a divulgar o coñecemento desde unha perspectiva propia como galegas e galegos para transmitir a nosa visión do mundo e  difundir a nosa realidade como pobo". 

O pasado ano o proxecto Apego e a AS-PG foron os gañadores do Premio Rosalía de Castro de Lingua. 

Comentarios