O expediente aberto a un alumno por se solidarizar co #8f45anos será tramitado por "desafío á autoridade"

Fontes consultadas por Sermos Galiza afirman que o escrito remitido por Galicia Bilingüe identificaba directamente o alumno.

ies
photo_camera [Taboleiro do IES Breamo]

O expediente aberto a un alumno do IES Breamo (Pontedeume) sinala como razóns por parte do centro a súa "conduta". Segundo as fontes consultadas por Sermos Galiza, a dirección do centro aduce "desafío á autoridade" para continuar adiante co procedemento sancionador que podería rematar coa expulsión do estudante --nun dos casos máis extremos. Porén, será un/nha docente instrutor/a a que determine a sanción, de acordo co procedemento regrado nestes casos.

Postos desde Sermos en contacto co IES Breamo, desde a dirección declinaron facer calquer comentario ou referencia a este tema, alegando que non estaban autorizados a falar de asuntos internos do centro "con medios externos".

O Bloque amosa o seu apoio ao alumno e exixe a retirada do expediente

Desde o BNG de Pontedeume emitiron un comunicado de apoio ao alumno no que exixen a "paralización do procedemento sancionador" por parte da xefatura territorial da Consellaría de Educación.

Para a organización frontista, o acontecido supón unha "nova agresión ás persoas valedoras da nosa lingua a mans do movemento ultradereitista Galicia Bilingüe" quen, din, "parece marcar a axenda das autoridades educativas en materia lingüística". Así mesmo, desde o Bloque "condenan" a "persecución" que estaría a desenvolver "esta minúscula asociación", subliñan, sobre "a parte máis consciente e comprometida da mocidade galega" na defensa do idioma.

Comentarios