Nova Antoloxía da Música Galega Contemporánea

Galeguíza-T, a mocidade de Oleiros a pular pola lingua

Hai uns días vía a luz nas redes a Nova antoloxía da música galega contemporánea, impulsada polo colectivo Galeguíza-T, un grupo de de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros. O coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, Alberto Pombo, cóntanos como naceu este proxecto que está a revolucionar as redes.
Detalle do cartaz da Nova Antoloxía da Música Galega Contemporánea
photo_camera Detalle do cartaz da Nova Antoloxía da Música Galega Contemporánea

Galeguíza-T, un grupo de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros, vén de presentar unha extensa playlist de Spotify con máis de 200 grupos contemporáneos que fan música en galego. É a Nova antoloxía da música galega contemporánea, unha escolma que reúne (sen repetir) grupos na súa maior parte en activo, ligados a estilos musicais como o Trap, Reggaeton, Hip Hop, Death Metal ou Reggae, entre tantos outros.

O profesor Alberto Pombo comezou este ano como responsábel do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Neira Vilas de Oleiros, coa idea de que non fosen os mestres os encargados de dirixir propostas, senón converter ás alumnas en protagonistas, atendendo a grandes e pequenas accións que loitasen contra os prexuízos que atopan as mozas nun contexto maioritariamente hispanofalante.

Mais non tardou en aparecer unha nova inquedanza: a musical

Neste senso, xurdiron unhas primeiras conferencias nas que as estudantes comentaban as dificultades e preconceitos que enfrontaban ao mudar de lingua. Mais non tardou en aparecer unha nova inquedanza: a musical. Hai música en galego? Hai trap? Hai Reggae? Reggaeton? Heavy metal?

Antoloxía viva

Coa idea de elaborar unha antoloxía da nosa música contemporánea, as alumnas comezaron a facer unha lista inicial de cancións. Foi unha explosión. En apenas 24 horas xa tiñan 150 temas, que no transcurso dos días medrarían até as perto de 300 cancións que suman arestora. A iniciativa espertou o interese doutros centros, como o Valle Inclán e o María Casares, tamén de Oleiros, que se uniron ao fenómeno.

A iniciativa espertou o interese doutros centros, como o Valle Inclán e o María Casares, tamén en Oleiros

Esta antoloxía pretende funcionar “como un canon vivo”, explica Pombo, “reunindo o maior número de bandas posíbeis en activo”: Ezetaerre, Malandrómeda, Caxade, Boyanka Kostova, Skacha, Medomedá, O Sonoro Maxín, Xabier Díaz, Festicultores, Rebeliom do Inframundo...

O obxectivo da playlist é facilitar o acceso á diversidade de xéneros da nosa música, servindo de punto de partida para que cada persoa poida descubrir e explorar o que máis lle atraia.

A playlist serve de punto de partida para que cada persoa poida descubrir e explorar o que máis lle atraia

Ademais, a ferramenta garda unha especial utilidade para "crebar a barreira entre profesorado e estudantes, presente moitas veces por cuestións xeracionais", engade Pombo.

Cun traballo aínda en marcha, a lista de reprodución oferece xa máis de 13 horas de música. Para facilitar a súa divulgación, púxose a dispoñibilidade do público unha ligazón, xunto cun cartaz que inclúe un código QR que remite ao mesmo lugar.

Desde o colectivo estudantil encoraxan quer profesorado quer estudantes da Galiza a imprimir o cartaz e visibilizalo nos centros de ensino.

Galeguíza-T, a mocidade protagonista

78754528_10213562833578410_5408850399744491520_oAs alumnas que conforman o colectivo Galeguíza-Te son as protagonistas absolutas das accións. Con idades comprendidas entre 12 e 17 anos desenvolven un “traballo activo e militante a prol do galego”, asegura Pombo con admiración.

Ademais, a súa andaina non vai quedar aquí. Xa teñen en mente próximas medidas para fomentar o uso do galego noutros eidos. A seguinte parada levaraos, probabelmente, a reivindicar a presenza do galego en plataformas dixitais como Netflix, no ronsel da campaña lanzada este Nadal pola Mesa pola Normalización Lingüística.

O traballo destas novas xeracións é, sen dúbida, exemplo e inspiración do que se pode levar a cabo con implicación e vontade da que as propias administracións deberan tomar exemplo.

Comentarios