martes 19/01/21

O galego na publicidade induce á compra ao 60% da mocidade

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Deputación de Pontevedra presentaron esta cuarta feira o estudo de Anabel Antela "A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millennial galega".
Presentación da obra esta mañá en Pontevedra. (Foto: A Mesa)
Presentación da obra esta mañá en Pontevedra. (Foto: A Mesa)

Pontevedra acolleu hoxe a presentación oficial do estudo da publicista Anabel Antela “A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millenial galega”, unha peza publicada pola Mesa pola Normalización Lingüística coa colaboración coa área de Lingua da Deputación de Pontevedra. O informe revela cuestións de interese para o sector da publicidade, pois o 60% da mocidade que participou nas enquisas asegurou que a promoción en galego a animaría a mercar.

Por tanto, segundo o documento, a lingua é un “factor determinante” á hora de completar unha compra. O 95% da mostra recalcou que sería agradábel atoparse co galego empregado nese ámbito e o 70% pensa que pode reforzar a imaxe dunha marca. 

"Este estudo pode servir de base para futuras campañas a prol da lingua, dando a coñecer a situación lingüística actual, para poñer fin á diglosia na que está sumida a sociedade galega e poñer fin ás desigualdades, considerado un dos ODS da Axenda 2030", explicou Antela na súa intervención nas instalacións da Deputación de Pontevedra.

De momento, xa implica "un pequeno gran de area para darlle ao galego o espazo que merece como lingua oficial e con igualdade de dereitos", pois é “alarmante” que a lingua da Galiza sexa moi pouco utilizada en distintos sectores.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, aproveitou o seu discurso para deixar claro que outros países como Noruega, Finlandia ou Suecia si apostan na súa lingua. "Se nos queremos desenvolver temos que ter en conta a lingua como un factor determinante no desenvolvemento económico", incidiu.

"Facer país"

Na opinión da deputada de Lingua, María Ortega, "todos estamos afeitos a que uso da lingua sexa habitual cando se fala da cultura, tradicións e folclore, pero a nosa lingua vai máis alá”.

“A comunicación é unha acción mediante códigos e o noso código é a lingua galega, e non só nos vale para falar no furancho. Tamén vale cando falamos de ciencias, de marcas comerciais, cando imos á nosa entidade bancaria ou cando imos mercar un vehículo", reflexionou a representante da Deputación.

Pola súa parte, o director do estudo Xosé Bahamonde avisou de que “o mellor aval de que algo se produce en Galiza é usar o galego, o empresariado ten que ser consciente de que teñen un activo. Hai que dar prestixio ao galego". Por último, animou a “facer país”.

comentarios