O galego "non ten premio" para o Ministerio de Igualdade

A resposta do Goberno español a unha pregunta parlamentar do BNG por excluír o galego nas bases duns premios do Ministerio de Igualdade a teses, equipara as linguas oficiais diferentes do español con calquera lingua estranxeira.
Bases do premio de Igualdade
photo_camera Bases do premio de Igualdade

O Ministerio de Igualdade, en resposta a unha queixa da Mesa pola Normalización Lingüística debido á exclusión do idioma galego nas bases dun premio convocado por ese departamento, "equipara as linguas oficiais diferentes do español con calquera lingua estranxeira". Así o denunciou a entidade galega, que exixe "a rectificación ou o cese da responsábel política, Victoria Rosell" e unha entrevista coa ministra de Igualdade e co delegado do Goberno. 

Foi en xuño cando a Mesa denunciou que o Ministerio de Igualdade negaba "o mínimo recoñecemento do galego", ao excluír dos "Premios da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero a teses doutorais sobre violencia contra as mulleres" os traballos que foran presentados en calquera lingua oficial do Estado diferente do castelán. Preguntada ao respecto polo deputado do BNG, Néstor Rego, a delegada contra a violencia de xénero, Victoria Rosell, respondeu "con tópicos e prexuízos contra as outras linguas oficiais nos seus territorios, negando o dereito das galegas e galegos a optar en igualdade de condicións a premios públicos", critica a Mesa. A entidade en defensa do galego xa anunciou que pedirá que se anulen as convocatorias que discriminan o uso das linguas oficiais do Estado.

Aínda que "o catalán, o éuscaro, o galego, o valenciano e o aranés son linguas cooficiais, recoñecéndose o dereito do cidadán a empregalas e a obriga dos poderes públicos de garantir este dereito, así como a protexer e promover o seu uso", a resposta oficial de Rosell insiste en supeditar este dereito fundamental da cidadanía ao carácter “nacional” dos Premios e á obriga de todos os estudantes a coñecer a lingua castelá.

“A delegada confunde o deber de coñecemento do español fixado pola Constitución española cun suposto deber de uso”, denunciou a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, “e considera por tanto lexítimo coaccionar as persoas que cumpren todos os requisitos para se presentaren a un premio público e forzalas a usaren o castelán”. “O emprego destes argumentos é máis grave aínda”, recorda Quintas, “tratándose da delegación contra a violencia de xénero, por canto pode indicar da exclusión das vítimas de violencia machista polo uso do galego”.

Comentarios