O galego non é lingua para casar

O ámbito da Xustiza é un dos que máis se laia da falta de uso de galego. Nin a Administración do Estado nin a galega garanten o 100% dos procedementos nesta lingua. Tampouco o persoal dos xulgados, para quen o idioma é máis un mérito ca un requisito. Con todo, o galego é unha lingua válida, tamén para contraer matrimonio polo civil.
A falta de galego motivou queixas nos rexistros de Lugo e A Coruña. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera A falta de galego motivou queixas nos rexistros de Lugo e A Coruña. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

No Estado español só unhas poucas persoas poden oficiar unha voda civil de forma legal. A nova redacción da Lei do Rexistro Civil, de abril de 2021, converte en oficiante das vodas civís as letradas e letrados da Administración de Xustiza destinadas a ese organismo. Ademais, poden oficiar este tipo de casamentos xuízas e xuíces de paz, alcaldes e alcaldesas mais os concelleiros e concelleiras nos que deleguen, así como persoal diplomático e consular. No ano 2015 incorporáronse a esta lista os notarios e notarias, que só o ano pasado celebraron na Galiza un total de 579 casamentos.

A cifra constitúe un máximo histórico. Mais aínda non representan a primeira escolla para moitos contraentes. Lucía ─nome ficticio─ escolleu canda a súa parella casar no Rexistro Civil de Vigo. E queren que a cerimonia sexa en galego. Tras presentar toda a documentación e completar o seu expediente "pensei que a opción da lingua nola darían o propio día da cerimonia, mais a un mes da voda chamei por se tiñamos que facer algún trámite e a miña sorpresa foi cando me dixeron que as maxistradas que están agora non son bilingües e que para garantir o uso do galego na cerimonia terían que pór un tradutor".

Un dereito real

O dereito a casar en galego no Rexistro Civil existe. Está recoñecido por lei, asegura Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística. "Mais para acceder á carreira xudicial e exercer na Galiza o galego é un mérito, non un requisito, e isto converte o coñecemento da lingua en papel mollado".

Ter que pórlle unha tradutora á persoa oficiante non é o que eu quero

Lucía trasladou o seu caso á Liña do galego, o servizo da Mesa para consultas, queixas e parabéns relacionados cos dereitos lingüísticos. Seguindo o seu consello, solicitará por escrito unha contestación formal por parte do Rexistro Civil para poder actuar.
"As explicacións que me deron foron telefónicas". Até onde sabe, o anterior oficiante usaba o galego, polo que esta lingua foi unha opción até a súa xubilación. "Desde entón, no rexistro quedaron sen este servizo de lingua e o que me sorprende é que aínda non teñan pensado que facer por garantir o dereito do uso do galego".

Cuestión de voluntarismo

Para esta veciña de Vigo a figura do tradutor "non é unha solución", como tampouco o foi trasladar o seu expediente ao Concello de Vigo ou ante notario, como lle propuxeron. "Eu quero a cerimonia en galego o mesmo día que teño fixado, e a poder ser no Rexistro Civil. Nun casamento onde todo o mundo vai ter o galego como lingua, ter que pórlle unha tradutora á persoa oficiante non é o que eu quero".

Creo que é máis unha actitude de oposición intransixente a normalizar a lingua en todos os ámbitos

Nestes días resolverán onde celebrar o seu casamento, pero máis aló do que decidan para si "seguirei coa queixa para que quen queira casar en galego no futuro non teña que pasar por isto ou cambiar a data da voda porque non se lle ofrece o galego como lingua vehicular na cerimonia. As oficiantes non teñen porque ter o galego como lingua pero o xulgado, como Administración pública, ten que garantir o noso dereito a casar en galego".

Para Elsa Quintas é máis unha cuestión de vontade que de incapacidade. "Trátase de dar lectura a un par de artigos do Código Civil. Non é unha cuestión insalvable. Creo que é máis unha actitude de oposición intransixente a normalizar a lingua en todos os ámbitos, nomeadamente na administración da Xustiza, onde non se dá normalizado".

O normal é poder casar en galego, conclúe. E hai rexistros nos que é posíbel. "Mais depende do voluntarismo do funcionariado e de quen estea á fronte", non do esforzo das Administracións por facilitar ese dereito.

Uso minoritario e desigual

A liña do galego recibiu en 2021 perto de medio millar de queixas. En total, 488, das cales só 17 se rexistraron no ámbito da Xustiza, malia as 320 reclamacións presentadas contra actuacións das administracións e institucións públicas. "Moita xente ignora os seus dereitos nos xulgados, tamén en materia de lingua.

Seguimos a reclamar aplicacións, modelos e formularios oficiais na nosa lingua

Existen pero non se fan ver e hai quen asume que a lingua da Administración de Xustiza é o castelán. É unha visión moi asentada", asegura Elsa Quintas. Coma ela, Xosé Barreiro, responsábel de Xustiza da CIG na área de Pontevedra, denuncia "unha desigualdade absoluta do galego nos xulgados. Seguimos a reclamar aplicacións, modelos e formularios oficiais na nosa lingua para avanzar dunha vez na normalización".

Comentarios