UNHA ESCOLMA DO PAPEL

“O galego necesita estabilidade na norma e, dentro dela, avanzarmos na aproximación ao portugués”

Coa monumental Estilística da lingua galega (Edicións xerais), o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato elabora unha ferramenta única que ofrece, ordenados e sistematizados, os valores expresivos do galego, a súa riqueza para a construción literaria. Cunha das traxectorias máis prestixiosas no estudo da nosa lingua, Freixeiro Mato é autor, entre outras moitas obras, da Gramática da Lingua Galega (2006) en catro volumes ou de Lingua de calidade (2009).

Xosé Ramón Freixeiro Mato
photo_camera Xosé Ramón Freixeiro Mato

-Vostede fala da dificultade de construír unha lingua literaria a través dun idioma desprestixiado, cal é o proceso?
-Non é o mesmo ao dunha lingua normalizada, cun estándar estabelecido. No noso caso houbo que construír unha lingua literaria contemporánea desde a que existía nas clases populares, sen norma fixada e sen instrumentos e ferramentas que os escritores adoitan ter na súa mesa. Que nesa circunstancia fosen publicando libros de calidade artística e lingüística é un esforzo de grande valor. Na análise da lingua literaria teremos de discernir o que é auténtico galego, xa que existen moitas interferencias do castelán que eran inevitábeis.

-A súa estilística recorre tamén á literatura popular e, dalgunha maneira, na súa traxectoria apreciase a querenza por autores que beberon na lingua do pobo. Que valor lle engade á elaboración da estilística?

-No falar da xente ou nos cantares populares hai unha riqueza extraordinaria de recursos. A literatura culta traballa especificamente cos recursos, procurando construír unha obra artística e extrema o seu aproveitamento, mais eses recursos están tamén na fala. Os mellores autores beberon da lingua popular para construír a súa obra literaria. É a fonte básica, aínda que haxa que saber distinguir o que é auténtico galego das interferencias.

-A literatura galega tivo como fonte esencial esa lingua popular?
-Na obra de Rosalía de Castro está o máis auténtico que ten o galego, que é a lingua popularmente falada, en que ela se inspirou. Aí están todos os recursos expresivos do idioma porque tivo a grande virtude de os facer aflorar desde unha lingua considerada vulgar e propia de ignorantes. Tamén citaría a Manuel García Barros, mestre e labrego, que facía gala da defensa da lingua popular, como Crecente Vega ou Manuel María, todos escritores que beberon desa fonte limpa da fala e que construíron textos dos que nos podemos gabar. Unha literatura galega desvinculada da lingua popular caería no artificio e sería un calco da lingua de interferencia, do castelán; trataríase de galego con alma castelá, en tanto que bebendo da lingua popular atopamos o máis xenuíno.

Unha literatura galega desvinculada da lingua popular caería no artificio e sería un calco da lingua de interferencia, do castelán

-Para a elaboración da Estilística estudou textos de 186 autores e autoras, pódese concluír que o galego é unha lingua literariamente potente?

-Todas as linguas son potencialmente válidas para a literatura, o que acontece é que unhas constrúen unha literatura poderosa e outras non. No caso do galego durante trescentos anos case nin tivemos literatura polas circunstancias sociopolíticas e sociolingüísticas. En xeral, o galego demostrou unha potencialidade expresiva na literatura moi grande. Podemos presumir de termos unha rica literatura e un galego literario traballosamente construído que está a desembocar nun modelo de grande calidade. Isto é consecuencia de que a lingua foi adaptada para a literatura.

-O seu traballo está chamado a ser unha ferramenta para quen queira escribir literariamente en galego?
-Pode ser unha ferramenta porque se recollen boa parte dos recursos que ten a lingua. Non coñezo no español, portugués e, en xeral, nas linguas romances, outra tan ampla, que estude todos os aspectos da lingua. Pretendo facer aflorar a potencialidade que ten o idioma, no plano morfolóxico, gráfico, fonético... en todo aquilo de que se poida tirar rendibilidade estilística. Os escritores e escritoras van atopar moitos recursos expresivos en que non repararan.

-Tamén neste traballo está a súa preocupación pola calidade da lingua.

-Trinta anos despois da Lei de Normalización non nos podemos conformar con dicir que o importante é falar. Temos que dar o paso e empregar un galego de calidade porque un galego deturpado vai ser un galego castelanizado que non ten futuro. Iriamos cara á confluencia co español e estariamos a pór en perigo o propio idioma. Escribir e falar en galego auténtico transmite prestixio ao idioma, é dicir, sería unha ferramenta para a normalización. Como se vai prestixiar a lingua se un presidente da Xunta, un conselleiro ou un académico falan de maneira que mesmo contradí as normas que eles aprobaron? Denota un desleixo co idioma que resta credibilidade e eficacia normalizadora. O galego só se poderá normalizar se a xente ten a sensación de que a lingua está definida e os falantes a usan con corrección, sobre todo os que teñen responsabilidade pública.

-Mercedes Queixas, na presentación do libro, criticou que vostede non forme parte da Academia e o certo é que é chamativa a ausencia no plenario de persoas da Universidade da Coruña.

-As cuestións persoais non teñen importancia para min, mais si as condutas. O que interesa é que unha institución creada co esforzo dos nosos devanceiros actúe sen sectarismos para mellor se implicar no proceso de normalización. Lamento a sensación que nos transmitiron de loita polo poder, en especial nese momento en que a Academia estaba sintonizando máis coa sociedade e coas persoas máis comprometidas co idioma. Que xurdan esas loitas polo poder non benefician nin a Academia nin a lingua. A Academia non pode virar as costas ás persoas, entidades e grupos que máis se significaron na defensa do idioma e tampouco ao mundo lusófono. Equivocaríase se considera que o nacionalismo ou o reintegracionismo son os inimigos do galego. E non debería menosprezar o grande paso dado no acordo normativo do 2003, respectando non só a súa letra mais tamén o espírito que o guiou.

-O novo presidente, Alonso Montero, afirmou que el volvería á normativa de 1982. Que supón esta declaración?
-É desafortunada e contén un alto grao de irresponsabilidade, porque non se entende que un presidente non estea de acordo co que aprobou a propia Academia. Por que optou entón á presidencia? Ten de asumir con responsabilidade algo que é unha conquista histórica e que custou moito traballo alcanzar. Por non danar máis o prestixio da lingua fixéronse moitas cesións, con renuncias custosas. O positivo sería reafirmarse nesa liña de consenso para que o galego sexa visto como lingua de todos e non só dunha parte. Ora, se a Academia quere romper o acordado, que o diga. Por outro lado, pretender descualificar a tentativa de aproximación do galego ao portugués nega a propia historia da Academia, desde Manuel Murguía a Sebastián Martínez Risco, que se teñen pronunciado con clareza por esa substancial unidade.

Pretender descualificar a tentativa de aproximación do galego ao portugués nega a propia historia da Academia

-Como valora a decisión de Vítor Vaqueiro, Teresa Moure ou Séchu Sende de abandonar a normativa despois dunha longa traxectoria de escrita?

-Son tres persoas que admiro no plano persoal e tamén do punto de vista literario e da calidade de lingua. O seu posicionamento paréceme respectábel e sei que a súa é unha decisión a contracorrente que non lles vai dar beneficios persoais. Escribir en portugués para min é escribir en galego e por tanto acho lexítima a súa opción; porén, considero que neste momento o prioritario é afortalarmos un modelo de galego digno e auténtico, de calidade. Defendo que son preferíbeis decisións colectivas, nomeadamente por parte de persoas que, coma min, se senten comprometidas cos acordos de 2003 que, aliás, aínda non se consolidaron. Estes inclúen poucas mais significativas mudanzas que marcan por onde se debe camiñar na estandarización do galego. Outra cousa sería que a RAG recuase, entón as entidades deberiamos pensar colectivamente outra saída. Acho que o galego necesita unha estabilidade na norma e dentro dela avanzarmos na aproximación ao portugués. Podemos ir nese camiño seguindo o marco normativo, pois canto máis auténtico for o galego máis se parecerá ao portugués, como dixo Dieste. Só así parece posíbel a confluencia. O ideal é que ese camiño se vaia andando sen trasladar á sociedade conflitos que redundarían no desprestixio do galego. Sobre o galego penden moitas ameazas e os pasos deben ser medidos.

Esta entrevista apareceu no Sermos47, publicado a 17 de Maio de 2013.

Comentarios