O galego máis "normativo" fálase no concello da Lama

Un estudo analiza a conformación do galego estándar a partir das diferentes variedades dialectais.
Porcentaxe de semellanza entre o galego falado e o normativo.
photo_camera Porcentaxe de semellanza entre o galego falado e o normativo (Xulio Sousa).

A crenza popular do galego normativo como un código inventado e distanciado da fala real das persoas é un dos falsos mitos que arrodean a nosa lingua, que sufriu un proceso normativizador bastante serodio en relación ás linguas próximas (español e portugués), que se fixaron a comezos da Idade Moderna. O investigador do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto da Lingua Galega Xulio Sousa vén de publicar un estudo na prestixiosa revista Languages que pretende mostrar como a variedade estándar contén as formas empregadas nas distintas variedades do galego dos anos 70.

Considerando os tres bloques lingüísticos nos que tradicionalmente se dividen as variacións da lingua, os resultados mostran que as localidades cun galego máis semellante á variedade estándar están nas zonas de confluencia dos bloques central e occidental, aínda que tamén se atopan concellos con alto grao de parecido no interior norte do país. Concretamente, o concello da Lama (Pontevedra) é o lugar no que a fala se parece máis ao estándar, cun 82,09% de semellanza. Pola contra, as maiores diferenzas atopáronse na localidade leonesa de Pombriego, que só se asemella nun 34,29% ao galego normativo.

Sousa sinala o "maior peso demográfico e de produción literaria do bloque occidental" para xustificar o fenómeno. Así mesmo, insiste en que, por termo medio, as porcentaxes de semellanza rondan o 75%, polo que hai unha proximidade evidente.

As conclusións xorden dunha análise dialectométrica de 167 localidades da Galiza, Asturias, León e Zamora. Os datos empregados proceden do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), elaborado polo ILG a partir de datos do galego falado en áreas rurais a finais dos anos 70, cando aínda non existía unha variedade estándar, que foron tamén fonte para a elaboración da norma.

Na maioría das linguas europeas, cuxo estándar leva séculos asentado, é habitual o estudo da influencia da normativa sobre os dialectos. Porén, no caso do galego, é posíbel estudar tamén o impacto das variedades na creación do estándar. Este debe entenderse como "composicional", concibido coma símbolo de identificación e vehículo de comunicación común na escrita e rexistros de maior formalidade, mais nunca para substituír as variantes que o conformaron.

Comentarios