O galego, "lingua de obxectores"

A plataforma cidadá Queremos Galego homenaxeou o intelectual Ricardo Carvalho Calero cunha ofrenda floral na capital do país. Bandeiras nacionais e cartaces colgaron de fiestras no Día das Letras.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Acto diante da estatua de Ricardo Carvalho Calero, na Alameda de Santiago de Compostela (Nós Diario)

Queremos Galego, plataforma composta por máis de 600 entidades de defensa da lingua, realizou na mañá do domingo, 17 de maio, en Compostela unha ofrenda floral diante da estatua homenaxe de Carvalho Calero, onde representantes da entidade deron lectura do manifesto do Día das Letras 2020.

Participaron no acto Ana Rodiño, da CIG; Ana Pontón, do BNG; Mercedes Espiño, da AC O Galo - Federación Galiza Cultura; Anna R. Figueiredo, da AELG; Patricia Varela, da AS-PG; Eduardo Maragoto, da AGAL, e Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización.

Maceira recordou como Carvalho Calero se preguntaba, en 1983, sobre a lingua propia da Galiza, "se ningén ten o deber de coñecé-la nen de estudá-la, por que se chama língua oficial? Porque podo usá-la, se quero, perante as autoridades autonómicas?". "Segundo tal criterio", aseguraba o mestre, "na práctica o galego seria unha língua para obxectores de conciéncia. O galego seria no seu uso unha obxección de conciencia. Asi como aos secuaces de certas seitas relixiosas se lles dispensa do uso de armas, asi os secuaces da seita galeguista se lles dispensaria o uso da língua estatal".

"En 2020", recordou o voceiro de Queremos Galego, "a nosa lingua continúa a ser lingua de obxectores". E detalla que menos de 5% das sentenzas son na lingua propia do país, sen requisito de coñecemento do galego na xustiza ou na Administración xeral do Estado; menos de 1% dos seguros; só hai un xornal impreso en galego e só 4% da oferta televisiva é na nosa lingua, sen opción a lexendaxe e sen dobraxe. "Menos de 8% das aulas en infantil son en galego", afirmou, "co resultado de que 25% das e dos menores de 15 anos din non saber falar a nosa lingua, a súa lingua".

"Non precisamos concesións amábeis", denunciou Maceiras, "precisamos liberdade plena para vivirmos en galego, sempre e en todo lugar. Dereito e deberes correspondentes. A lingua é reflexo do que somos como pobo e da nosa situación. Por iso precisamos do galego, para avanzarmos no desenvolvemento social, económico e cultural". "Precisamos do galego", rematou, "porque o galego é xustiza, é igualdade e é cohesión social".

Tendencia nas redes

Por outra banda, atendendo ao chamamento de Queremos Galego, as fiestras e varandas do país amosaron neste Día das Letras a bandeira nacional e cartaces co lema "Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión", deseñados pola plataforma cidadá.

Ademais, nas redes sociais, son tendencia desde o mediodía as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #Eufalogalego.

Comentarios