venres 30/10/20

O galego no Día Europeo das Linguas

Este sábado, 26 de setembro conmemórase o Día Europeo da Linguas, unha iniciaitiva do Consello de Europa que festexa a diversidade lingüística e convida a reivindicar os dereitos lingüísticos das falantes.
Correlingua 2018 pola normalización lingüística da mocidade e a infancia na cidade de Vigo.
Correlingua 2018 pola normalización lingüística da mocidade e a infancia na cidade de Vigo.

Asociacións pola defensa da lingua galega denunciaron esta semana o desleixamento do Goberno da Estrada no uso do idioma propio. O 10 de xullo, o Concello publicou as bases para achegar propostas ao proxecto de humanización da praza da Feira, a rúa Ulla e mais a súa contorna. Os pregos foron publicados exclusivamente en castelán e, entre os requisitos, inclúen que "todos os concursantes presentarán a documentación en castelán ou en galego con tradución ao castelán".

Unha discriminación que moveu distintos colectivos a solicitar ao Executivo municipal o cumprimento da propia lexislación, que fixa o galego como o idioma de "uso normal no Concello".

Estancamento á baixa

Un reflexo do "estancamento á baixa" que vive o galego desde "o cambio na orientación da política lingüística que se produción en 2009-2010 e de toda a mobilización social que todo iso provocou", sinala o sociolingüista e catedrático de Filoloxía Galega da USC Henrique Monteagudo. "Aí paráronse posíbeis novos golpes contra o galego mais non se lograron reverter as novas normas, moi restritivas para a lingua".

Monteagudo observa un impasse para o galego "no que a sociedade resiste pero á baixa, xa que sen o apoio decidido dos poderes públicos ten poucas posibilidades de remontar esta situación". De retroceso, nalgúns ámbitos, salienta. "A caída de medios de comunicación en galego desde hai unha década é moi clara. A esta hai que sumarlle a regresión do idioma no ensino, ditada polo Decreto do plurilingüismo, e isto reflíctese, por exemplo, no sector cultura e no mercado cultural, sempre puxante dentro da nosa modestia carestía, e agora, especialmente magoado", conclúe.

Optimismo moderado

Desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García ofrece "unha visión moderadamente optimista" do galego. "Resiste ben a comparación con calquera outra lingua igual, co bretón, co catalán. O galego segue sendo a lingua maioritaria, o idioma máis falado polo 51% da poboación, segundo o último informe do Instituto Galego de Estatística, de 2018", destaca, para recoñecer que tamén hai datos menos alentadores que obrigan a traballar en eidos moi concretos, como o da infancia e a xuventude.

"As xeracións vindeiras son as que máis galego saben, as que contan con mellores competencias mais non o usan, porque a sociedade non favorece o emprego da lingua propia. Hai que mudar esta tendencia e garantir a súa utilización, afirma o secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García identifica, ademais, outros usos e "materias pendentes". É o caso do comercio, a industria e a grande a empresa; a xustiza e os medios de comunicación.

Resistencia

Para a escritora e profesora da UDC Pilar García Negro, a conmemoración do Día Europeo das Linguas é unha mostra da "imposición hexemónica" das linguas oficiais dos Estados que "dedican un só día a louvar a pluralidade lingüística que o resto do ano nin se respecta nin se practica". A respecto da situación do galego, sinala unha "crise grave" froito de "catro décadas sen os debido amparo e acción institucional, que nin sequera respectou a cativa legalidade favorábel á lingua propia". Neste sentido, apunta "consecuencias penosas para unha masa social obrigada a velar por unha atención continuada que debera ser asunto político de carácter xeral".

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, fala dun idioma "que tenta resistir fronte a todo, especialmente fronte á omnipresenza do español. Se segue viva é grazas ao esforzo da sociedade", das falantes, nas que deposita a súa resistencia.

comentarios