Galego en Asturies: A Mesa exixe o Principado que non oculte a realidade lingüística

O presidente do colectivo, Marcos Maceira, solicita ao Goberno asturiano que deixe atrás "subterfuxios semánticos" para tapar que hai "miles de persoas galegofalantes entre o Eo e o Navia".
Ponte que conecta a Galiza con Asturies, sobre a ría de Ribadeo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ponte que conecta a Galiza con Asturies, sobre a ría de Ribadeo. (Foto: Europa Press)

A do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, é outra das voces que se veñen a sumar á demanda ao Principado de Asturies para que oficialice o idioma galego no seu territorio, dado que unha parte da cidadanía o utiliza de forma habitual.

Mentres o presidente de Asturies, Adrián Barbón, fala dunha lingua "eonaviega", a Mesa reclama que se desboten "subterfuxios semánticos" coa intención de "ocultar unha realidade e necesidade para as miles de persoas galegofalantes" que se atopan nas localidades da zona comprendida entre o río Eo e o Navia.

Así contestou Maceira a Barbón, que na terza feira aseguraba que "ninguén vai dicir desde calquera outra comunidade o que ten que recoller Asturies no seu Estatuto de Autonomía".

"Se houbese intención de situar o Estatuto dentro da democracia, a igualdade e os dereitos humanos aos que obrigan os tratados internacionais como a Carta de dereitos civís e democráticos ou a Carta das linguas rexionais e minorizadas, o galego tamén sería lingua oficial de Asturies", tal e como viña demandando a Real Academia Galega (RAG), incidiu o representante da Mesa.

Ser galego, un defecto?

Neste sentido, destacou que darlle oficialidade ao galego implica garantir dereitos para as persoas que se comunican nesa lingua no seu día a día.

"Tal e como sinalou a RAG, utilizar unha fórmula como Eonaviego só busca facer invisíbel a existencia do galego nas comarcas limítrofes coa Galiza", lamentou Maceira.

Aliás, ao fío das declaracións do Principado, advirte do "perigo de certos argumentos que deixan ver que ser galego é algún tipo de problema ou defecto mal visto socialmente e que é necesario ocultar".

Na actualidade, a lingua da zona fronteiriza e tamén entre o Eo e o Navia aparece na lexislación do territorio asturiano como "galego-asturiano", se ben a asociación cultural Xeira alertou de que se está a camiñar cara o cambio por "eonaviego".

Conflito pasado

Este conflito lingüístico xurde poucas semanas despois de que se abrira outra loita transfronteiriza que nunca antes supuxera un problema.

Comentarios