O galego afoga no océano Google

A navegación pola web estase a tornar máis e máis complexa para as embarcacións de menor tamaño en competencia con transatlánticos como o inglés. Alén diso, está o xigante tecnolóxico estadounidense a soprar vento de proa cara a nosa lingua? Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, xa dispoñíbel na loxa.

foto_TemaPrimeira
photo_camera Google.

2_TemaPrimeiraNa última edición de Cantos da Maré, o festival internacional da lusofonía que se desenvolve en Pontevedra desde 2003, a organización quixo inserir un anuncio publicitario no buscador de Google. Un servizo que a compañía estadounidense xestiona a través da súa plataforma Ads, a antiga Adwords, e que é a súa principal fonte de ingresos. O problema chegou cando o sistema lles comunicou que o anuncio non fora aceptado ao enlazar cunha web en galego, “idioma non dispoñíbel”.

É tan só unha mostra da situación pola que están a pasar as webs escritas na nosa lingua dentro, ademais, dun contexto monopolístico de Google: de non saíres en Google, non existes. E para saír e ben arriba nas buscas hai dúas maneiras de facelo: de forma natural ou pagando.

Esta segunda opción está, polo de agora, vetada, o que para Marcus Fernández, directivo da asociación PuntoGal e webmaster do veterano diario tecnolóxico Código Cero, supón “unha gravísima desvantaxe competitiva. “Estamos a padecer a consecuencia de ter un ecosistema dixital que discrimina o galego, pois Google considera os galegos hispanofalantes, mentres que a lingua galega ten un interese moi reducido, até o punto de non poder facer uso da plataforma publicitaria de Google”.

Desbotada a opción de pago, quedaría a forma natural, pero tamén aquí as páxinas en galego están a padecer problemas para aparecer nos primeiros resultados da busca. Precisamente Marcus Fernández foi un dos primeiros en alertar desta situación en 2008 e advirte de que non mudou máis dunha década despois.

“Google discrimina claramente a nosa lingua desde 2008, cando de súpeto comezaron a experimentarse importantes caídas nas webs en lingua galega que podían atribuírse á súa perda de peso nos resultados de busca. Naquel momento daba a impresión de que o feito de que as usuarias e usuarios galegos accedesen a Google a través do buscador en español pasou a ter máis importancia nos resultados; aínda que buscásemos expresións escritas en galego, Google daba prioridade aos resultados en español”, explica.

Google non é unha ONG

“Rendibilidade” “Google non é unha ONG”, sentencia Xavier Rolán, doutor en Comunicación e marketing dixital na Universidade de Vigo e experto en novos formatos publicitarios, que comparte a opinión de Fernández. Rolán remite a unha análise realizada en 2010 por outro experto na materia, o profesor da USC Manuel Gago, no artigo “Os novos e escuros mediadores” no seu blog, CapítuloCero.

“Constata empiricamente que cada un dos cambios que fai Google no seu algoritmo prexudican a lingua galega”, di, e incide en que a compañía estadounidense considera o galego “unha lingua que non é rendíbel en termos económicos”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios