.gal navegará pola rede en 2014

A Asociación puntoGAL asinou coa corporación xestora dos enderezos da Internet (ICANN) o contrato de creación do dominio galego, o primeiro para unha comunidade lingüística e cultural desde 2005. Poderán acollerse ao .gal aqueles espazos que "usen" o galego "nas súas comunicacións en liña". 

Imaxe: puntoGAL
photo_camera Imaxe: puntoGAL

A partir do vindeiro ano @s utentes da Internet poderán acceder a espazos virtuais galegos a través do dominio .gal. Así o anunciou a Asociación puntoGAL esta segunda feira após asinar o contrato de creación coa entidade encargada da xestión dos enderezos dixitais, a ICANN.

Após sete anos de traballo --desde a súa fundación en 2006-- puntoGAL dará comezo nas vindeiras semanas a unha serie de "probas técnicas" previas á posta en marcha do dominio. 

Espazos de uso para o galego na rede

Segundo recolle o contrato asinado entre puntoGAL e a ICANN poderán acollerse a comezos de 2014 ao .gal  aqueles espazos que "usen --ou se comprometeran a usar-- o galego nas súas comunicacións en liña, ou promovan os diferentes aspectos da cultura galega na rede ou dirixan especificamente as súas comunicacións e servizos a esta comunidade". 

Se ben, afirman desde o seu portal web, a asociación promotora describirá nunha guía os pasos precisos para o rexistro do dominio e o seu posterior uso. 

Segundo puntoGAL a operatividade do .gal "servirá para que o diñeiro que hoxe marcha fóra do país ao rexistrar outros dominios (.com, .net), etc quede en Galiza xerando coñecemento e riqueza" ao tempo que "contribuirá a aumentar o prestixio da sociedade galega, da súa cultura e do seu idioma" ao aumentar, din, "a autoestima entre os propios falantes e o interese polo noso idioma entre a comunidade internacional". 

A creación deste dominio vén a se sumar ao .cat, autorizado pola ICANN en 2005. 

Comentarios