As dúas funcionarias da Delegación da Xunta de Lugo que se negaron a atender en galego a unha persoa usuaria non se limitaron a negarse a falar no idioma propio de Galiza e desprezar o galego. Tamén, e así o denuncia a persoa usuaria, durante a discusión pronunciaron varias frases enxalzando Franco e o franquismo.
Así, e sempre segundo o relato desta persoa sobre o comportamento de P.R.D e M.M.V [as dúas funcionarias] unha delas fixo afirmacións como “Ojalá volviese Franco, ¡Buena falta hacía!” ou “Si volviese Franco sería mejor”, para alén de exclamar: “¡Si, soy facha, facha, facha!”. Tamén, segundo esta versión, a funcionaria presumiu de facer parte no franquismo da Sección Femenina.
A persoa galegofalante obxecto de discriminación por parte destas dúas funcionarias anunciou que vai denunciar isto perante todos os estamentos pertinentes. Tanto por negarlle a atención en galego como pola apoloxía do franquismo feito por unha “funcionaria nun lugar público”.
“No me da la gana de hablar en gallego”
Os feitos denunciados aconteceron o pasado 26 de febreiro. A versión dada a coñecer pola Mesa indica que unha veciña dirixiuse a unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo para procurar información sobre clubes deportivos. Como a funcionaria lle respondeu en castelán, a administrada solicitou poder ser atendida en galego.
A funcionaria entón, segundo este relato respondeulle: “¡No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita, lembra A Mesa, que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante a contestación da funcionaria, a usuaria díxolle “que estaba en Galiza e que desexaba ser atendida en galego” solicitando poder falar con outra persoa.
Sempre segundo o relato, cando a usuaria se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese e a resposta da empregada pública foi: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!”
A Mesa lembra que esa actitude das traballadoras públicas vulnera varias normas e leis, desde o estatuto de autonomía a lexislación estatal e internacional.