Freixanes: “O galego vendeuse por un prato de lentellas cando o PP volveu ao poder”

O presidente da Real Academia galega (RAG) incide nunha entrevista en Ser-Galicia na responsabilidade dos gobernos de Núñez Feixóo no retroceso da lingua e lémbralle ao actual presidente episodios como “toda esa historia de Galicia Bilingüe”.

freixanes-feijoo-boa
photo_camera Freixanes e Feixóo

Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, falou claro este 17 de maio, Día das Letras Galegas, sobre a situación do galego e as responsabilidades na mesma. Fíxoo nunha entrevista coa xornalista Aida Pena na Cadena Ser, onde acusou Feixóo de pregar a súas política lingüística ás exixencias de Galicia Bilingüe por un simple cálculo electoral para gañar as eleccións en 2009.

“Nas primeiras eleccións nas que chegou o PP ao poder [refírese ás de 2009], o galego vendeuse por un prato de lentellas, toda esa historia de Galicia Bilingüe, na que a final a propia administración tampouco se sentiu a gusto, pero que nos levou atá aquí”, dixo. Todo por uns “30.000 votos”, asegura. Refírese Freixanes á campaña de Galicia Bilingüe contra o goberno de socialistas e nacionalistas, aos que acusaba de “imposición del gallego”. Campaña que tivo o apoio da denominada ‘caverna mediática’ madrileña, de organizacións e colectivos de extrema dereita e tamén de importantes sectores do PP galego.

O presidente da RAG pon o dedo na chaga da política lingüística da Xunta de Feixóo ao lembrarlle que chegou ao poder supeditándoa a formulacións dunha minoría extremista da que até o propio PP tivo que acabar afastándose. O dano, iso, si xa estaba feito. “Que fixemos a nivel de política lingüística? Por algunha razón, e sobre todo, nos últimos tempos, levantouse o pé do acelerador”.

O presidente da RAG mostra na entrevista a súa preocupación pola situación do galego, incidindo en que o problema non está na escola, “está na vida desas novas xeracións”, polo que é necesario sentarnos a construír un novo plan de normalización lingüística”.

Así, chama a analizar “que pasa coa xente nova” e a perda da lingua nestes tramos. Reclama Freixanes “máis recursos” pero tamén sinala que non é só unha cuestión de recursos, pois “hai que crear espazos de consenso social”, gañando “espazos de uso” nunha Galiza que sufriu importantes transformacións.

Comentarios