Fraseoloxía e deseños galegos para as crianzas que acoden ás consultas de pediatría

A Mesa pola Normalización Lingüística lanza na comarca de Lemos unha campaña que promove o galego entre persoal sanitario e cativada con autocolantes en galego. Axiña se estenderá ao resto do territorio.
Algúns dos deseños autocolantes deseñados por artistas locais das comarcas de Lemos, Quiroga, Chantada e Sarria.
photo_camera Algúns dos deseños autocolantes deseñados por artistas locais das comarcas de Lemos, Quiroga, Chantada e Sarria.

As familias que de cando en vez pasan polas consultas de pediatría, ben para cumprir co calendario de vacinación ben para resolver un problema de saúde dos seus fillos e fillas, sábeno ben: as crianzas non sempre pasan un bo momento, pero adoitan saír  pola porta entre voces de ánimo e cun pequeno recoñecemento en forma de autocolante que locen con orgullo o resto do día.

"Normalmente eses adhesivos proceden dos laboratorios e son en castelán, non na nosa lingua", explica a Nós Diario Xosé Manuel Fernández Montes, coordinador do grupo de traballo da Mesa pola Normalización Lingüística na comarca de Lemos e impulsor dunha idea que está a piques de ver a luz nos centros de saúde e ambulatorios de Lemos, Quiroga, Chantada e Sarria; mais con vocación de dar o salto ao resto do país.

"Como pais preguntámonos moitas veces se non habería opción de que esas recompensas fosen en galego, e ao non saber delas, decidimos crealas".

"Dura coma un croio"

Foi antes da pandemia cando deron os primeiros pasos para lanzar unha serie de autoadhesivos con fraseoloxía galega e deseños propios destinada á cativada que acode aos servizos de pediatría. Nunha primeira fase recolleron unha vintena de expresións que acabaron por entregar a unha selección de debuxantes para que as ilustrasen con total liberdade.

"Ao final escollemos 15 frases ás que deron vida unha ducia de artistas locais, cadaquén co seu estilo". O resultado, apunta Fernández Montes, é un catálogo "diverso e inclusivo" que premiará as crianzas con mensaxes de ánimo como "Son supervalente", "Tuse para alá", "Como unha campioa", "Dura coma un croio", "Forte coma un buxo" ou "Para o que puido ser, non foi nada".

As e os encargados de debuxar e darlle cor a estas expresións propias da nosa fala foron Noelia Rodríguez Fierro, Manuel García Losada, Elena Patiño (Amanita Studio), Belén Maseda (Deikí), Humberto Loureiro, Borja Doel, Cristina Ouro, Estefanía Padullés, Daniel García e Iria Iglesias (Estudio Gnomo), Sonia Álvarez Carnero e Xosé Manuel Fernández.

Coidar da saúde en galego

Esta iniciativa súmase a outras impulsadas pola Mesa para favorecer o uso do galego no coidado da saúde, onde "o galego está desaparecido, nomeadamente no Sergas, que acumula un número de queixas moi elevado", afirma Marcos Maceira, presidente da Mesa. A sensibilidade das persoas usuarias promove a denuncia, mais tamén novos recursos cos que combater prexuízos de vello.

"Dalgunha maneira a sanidade pública reforza ese vello prexuízo de non falarlle galego aos nenos con accións coma esta de recompensar as crianzas con colantes só en castelán". Coa proposta que agora lanza A Mesa na comarca de Lemos, queren virar a situación dunha forma "natural e agradábel".

"As nenas e nos teñen dereito a recibir esta compensación que se lles dá e a recibila en galego, polo que nun mesmo xesto facemos a denuncia e introducimos o galego nas consultas de pediatría. O que é curioso é que quen teña que facelo sexa unha entidade da sociedade civil como A Mesa e non parta xa da propia Administración". 

Agora mesmo, confirma Marcos Maceira, o galego na saúde é vontade "exclusiva" dos e das profesionais que deciden falalo. "Pero isto está moi relacionado co propio sistema de acceso. O galego puntúa como mérito pero non é un requisito indispensábel para traballar na sanidade pública".

Hoxe Fernández Montes e Maceira darán a coñecer no Salón de Actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra esta campaña que axiña chegará aos centros de saúde. "Na entrega dos adhesivos ao persoal de pediatría xa faremos por animalo a falarlle galego á rapazada nas súas consultas. Non queremos que esta iniciativa quede no detalle simbólico dos autocolantes, que buscan reforzar o uso do galego e o interese das crianzas pola nosa lingua e a súa fraseoloxía, conclúe Xosé Manuel Fernández Montes.

Comentarios